Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta licita a redacción do proxecto construtivo da nova depuradora de Arcade, no concello de Soutomaior

A Plataforma de contratos públicos de Galicia publica hoxe esta licitación, cun investimento de máis de 210.000 euros

As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 1 de xuño e disporán de 12 meses para a redacción do proxecto

A nova infraestrutura hidráulica substituirá á actual coa fin de incrementar a capacidade e acadar mellores rendementos na depuración

Este proxecto contribuirá ao avance no saneamento da ría de Vigo, beneficiando a pesca, o marisqueo ou o turismo, actividades estratéxicas nesta contorna

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de licitar a redacción do proxecto construtivo da nova depuradora de augas residuais de Arcade, no concello de Soutomaior.

A Plataforma de contratos públicos de Galicia publica hoxe a licitación deste contrato, cun investimento de máis de 210.000 euros.

As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 1 de xuño e disporán de 12 meses para a redacción do proxecto.

A nova estación depuradora, que será cofinanciada a través de fondos Feder, contará cun orzamento de arredor de 2 millóns de euros, que será determinado de forma concreta polo proxecto construtivo.

Na actualidade, Arcade dispón dunha depuradora posta en servizo en 2005 pola Xunta, que tamén está a prestar o servizo de mantemento das instalacións, cun investimento autonómico de máis de 4 millóns de euros ata o día de hoxe.

A depuradora existente, de tipo físico químico, será substituída por unha nova infraestrutura de tipo biolóxico, que disporá de maior capacidade para acadar mellores rendementos na depuración.

Esta actuación enmárcase na aposta da Xunta por apoiar aos concellos nas súas competencias municipais de saneamento e depuración.

A Xunta impulsa este proxecto hidráulico co obxectivo de prestar mellores servizos aos veciños e contribuír ao avance no saneamento da ría de Vigo, beneficiando a pesca, o marisqueo, a acuicultura ou o turismo, actividades estratéxicas nesta contorna.