Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta conclúe as obras de mellora nas depuradoras de Laxe e Camariñas, cun investimento autonómico de preto de 90.000 euros

Ambas as instalacións son explotadas a través de Augas de Galicia, que apoia aos concellos nas súas competencias municipais no tratamento das augas residuais

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade coopera cos municipios para que a cidadanía dispoña de servizos axeitados e garantir a súa calidade de vida

  • EDAR de Laxe
  • EDAR de Camariñas

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de concluír as obras de mellora nas estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) dos concellos de Laxe e Camariñas, cun investimento autonómico de preto de 90.000 euros.

A intervención na estación depuradora de Laxe centrouse na ampliación da capacidade de aireación do reactor biolóxico e a instalación dunha escaleira no pretratamento da EDAR. A mellora supuxo un investimento de máis de 45.600 euros.

Pola súa banda, os traballos na estación depuradora de Camariñas, consistiron na execución dun novo canal de desinfección, a ampliación do sistema de control do vertido en continuo e a instalación dunha liña de vida no espesador de lodos da EDAR. Nesta actuación o investimento da Xunta de Galicia superou os 43.500 euros.

Na actualidade estas infraestruturas son explotadas por Augas de Galicia, que apoia ás administracións locais no desenvolvemento das súas competencias de prestación do servizo municipal de tratamento de augas residuais.

Estas intervencións enmárcanse na cooperación que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén mantendo cos concellos para que a cidadanía dispoña de servizos axeitados e garantir a súa calidade de vida.