Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta licita as obras da potabilizadora de Betanzos por 1,2 millóns de euros co obxectivo de que o vindeiro ano se poida garantir o axeitado abastecemento de auga en todo o municipio

As empresas interesadas na execución desta actuación poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 28 de maio

As obras teñen un prazo de execución de 9 meses e o obxectivo da Xunta é inicialas este mesmo ano

A mellora do abastecemento enmárcase nun convenio de colaboración co Concello de Betanzos para apoialo nas súas competencias

Os traballos permitirán a ampliación da capacidade da potabilizadora e a mellora dos sistemas de tratamento, así como a modernización da súa xestión

A Xunta impulsa esta actuación pese ás dificultades causadas polo COVID-19 polo carácter esencial do abastecemento de auga e coa fin de contribuír á dinamización da actividade e do emprego
 

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2020.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou a licitación hoxe das obras da potabilizadora de Betanzos por 1,2 millóns de euros, co obxectivo de que o vindeiro ano se poida garantir un axeitado abastecemento de auga en todo o municipio.


Ethel Vázquez, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantiveron hoxe unha videoconferencia coa alcaldesa de Betanzos, María Barral, para informar dos detalles da contratación destas obras, que teñen como obxectivo resolver os problemas de capacidade e funcionamento do abastecemento de auga potable no municipio.


Explicou que as empresas interesadas na execución destes traballos poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 28 de maio. As obras teñen un prazo de execución de 9 meses e a previsión e inicialas mesmas este mesmo ano.


A conselleira puxo o acento no apoio da Xunta ao Concello de Betanzos no exercicio da súa competencia municipal, como responsable de abastecer auga en cantidade e calidade suficientes a todos os seus veciños.


Precisou que para asegurar este ben básico, a Xunta de Galicia e o Concello de Betanzos acordaron hai tempo impulsar conxuntamente a mellora da estación depuradora de auga potable do Couto. Deste xeito, do importe total de 1,2 millóns de euros, a Xunta asume unha achega máis de 1 millón de euros, ademais da execución das obras.


Na definición de solucións, indicou que o proxecto redactado por Augas de Galicia comprende as actuación necesarias para acometer as obras de mellora da potabilizadora de Betanzos, que actualmente está funcionando ao límite da súa capacidade e presenta, ademais, deficiencias de funcionamento que causan episodios de turbidez reiterados, xerando molestias e preocupacións aos veciños.


Os traballos licitados consisten tanto na ampliación da capacidade da planta, como na mellora dos sistemas de tratamento, que incorporarán un pretratamento físico e químico. Tamén inclúen a modernización da xestión, ademais da urbanización da parcela
Ethel Vázquez enmarcou esta intervención na importancia para a Xunta do abastecemento de auga como servizo esencial aos cidadáns, de aí a priorización na licitación destas obras, a pesar das dificultades e restricións derivadas do estado de alarma polo COVID-19.


Neste sentido, fixo fincapé na aposta da Xunta de Galicia por contribuír á dinamización da actividade e do emprego do sector da construción, impulsando un novo investimento público de máis de 1,2 millóns de euros na vila de Betanzos.