Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta reabre o prazo de presentación de ofertas para a execución das obras de mellora do abastecemento ao parque empresarial e os núcleos das Quintás e da Ría, en Vilamarín

Reactívase o procedemento de licitación deste contrato, cun investimento duns 200.000 euros, suspendido inicialmente coa declaración do estado de alarma

As empresas interesadas nesta actuación, cun prazo de execución de 4 meses, poderán presentar as súas ofertas ata o 7 de maio

O obxectivo desta intervención é mellorar o abastecemento do polígono industrial, cuxas captacións deficitarias fan insuficiente o subministro en época estival

A actuación nos núcleos da parroquia de San Vicente de Readegós prevé a substitución do colector existente e dos ramais necesarios para abastecer ás vivendas desta zona

Os traballos no concello se completarán co acondicionamento das captacións de abastecemento e o cerramento perimetral das mesmas

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de reabrir o prazo de presentación de ofertas para a execución das obras de acondicionamento das captacións e mellora do abastecemento ao parque empresarial e os núcleos das Quintás e da Ría, no concello de Vilamarín, cun investimento duns 200.000 euros.

A Xunta reabriu hoxe o prazo de presentación de ofertas para realizar esta actuación, xa licitada, pero afectada inicialmente pola suspensión de prazos nos procedementos administrativos coa declaración do estado de alarma.

A reactivación do procedemento, que recolle xa a plataforma de contratos públicos da Xunta, establece que as empresas interesadas na execución deste proxecto poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 7 de maio. As obras teñen un prazo de execución de catro meses.

Os traballos que se levarán a cabo, de acordo co proxecto redactado por Augas de Galicia, teñen como obxectivo a mellora do abastecemento no parque empresarial de Vilamarín, así como a os citados núcleos da parroquia de San Vicente de Readegós. A Xunta asumirá o 82,6% do seu custo, cun investimento de máis 165.000 euros e o Concello disporá o 17,3% restante, preto de 35.000 euros.

Na actualidade o subministro do parque empresarial depende do depósito de Vilamarín e do de Bouzas, con captacións deficitarias que fan que en época estival o subministro sexa insuficiente, así como do depósito da Pena, que á súa vez se nutre do de Moure, no veciño concello de Coles.

Para mellorar este sistema de abastecemento proxéctase a execución dunha tubaxe de que conectará co ramal que vén do depósito da Pena e á súa vez conectará co ramal que abastece ao parque dende o depósito de Bouzas. Isto permitirá formar unha rede cerrada en anel que estabilice o caudal e a presión, e que posibilite tamén ter a opción de encher o depósito de Bouzas no caso de deficiencias.

Executarase tamén unha nova arqueta de cabeceira xunto á existente da que partirán o ramal actual, que discorrerán por camiños ata chegar a un punto de conexión xunto á estrada nacional N-525, na que se colocará unha segunda arqueta e as válvulas de comporta necesarias para regular a interconexión das redes.

A intervención proxectada nos núcleos de Quintás e da Ría vén derivada do mal estado no que se atopa o colector que conecta o depósito radicado en San Vicente de Readegós, do que se abastecen.

Neste núcleos, Augas de Galicia prevé a substitución do colector existente e dos ramais necesarios para a abastecer ás vivendas pertencentes a eses núcleos. Instalaranse tamén válvulas redutoras de presión radicadas dentro de arquetas de formigón armado. Tamén no interior de pozos de rexistro de formigón instalaranse ventosas nos puntos altos, baleirados nos puntos baixos, así como válvulas de comporta e bocas de rego.

Os traballos no concello de Vilamarín se completarán co acondicionamento das captacións de abastecemento existentes que na actualidade non dispoñen de ningún sistema que impida o acceso ás mesmas. Para iso realizarase o desbroce e cerramento perimetral das mesmas con dúas filas de bloque de formigón e malla metálica, e para o acceso colocaranse portas.