Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta traslada aos concellos información práctica sobre a nova normativa de xestión pública da auga que facilita as obras menores nas proximidades dos ríos de Galicia-Costa

O novo decreto amplía o catálogo de actuacións que se poden acometer presentando unha declaración responsable en zona de policía ou de dominio público hidráulico dos ríos da demarcación de competencia autonómica

Permítese executar, con declaración responsable, obras en fachadas, tellados ou cambios de fiestras de vivendas próximas aos ríos e algúns traballos de conservación de infraestruturas viarias ou peches permeables de malla

Os traballos menores axilízanse, ao poder iniciarse no momento da presentación da declaración responsable, sen ter que agardar a autorización de Augas de Galicia
 

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2020.- A Xunta de Galicia vén de trasladarlle aos concellos información práctica sobre a nova normativa de xestión pública da auga que facilita a execución de obras menores de conservación e mantemento nas proximidades dos ríos da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, de competencia autonómica. Os cambios normativos permiten, entre outros, a realización de obras en fachadas, tellados ou cambios de ventás en vivendas próximas aos ríos coa presentación dunha declaración responsable e iniciar os traballos desde o momento da presentación da dita declaración.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiulle escritos aos alcaldes dos 181 municipios que teñen, total ou parcialmente, o seu territorio na demarcación hidrográfica Galicia-Costa, acompañados de dípticos explicativos, nos que se lles dá conta das modificacións introducidas en determinadas disposicións en materia de augas, en vigor desde o pasado 23 de marzo. Trátase de disposicións referidas ás actuacións menores de mantemento e conservación na zona de policía e de dominio público hidráulico dos ríos da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

O Diario Oficial de Galicia do 3 de marzo publicou o novo decreto no que se introducen estas modificacións, de especial relevancia para as entidades locais polo seu impacto social, ao facilitarlle aos cidadáns a execución de distintas actuacións nas proximidades dos ríos coa declaración dunha declaración responsable, sen ter que agardar pola autorización de Augas de Galicia, como se viña requirindo ata o momento.

Así, desde o pasado 23 de marzo pódense executar, presentando declaración responsable, obras de pintado, revestimento e impermeabilización de fachadas, tellados ou cambios de fiestras nas vivendas que se atopen nas proximidades dos ríos, así como algúns traballos de conservación de infraestruturas viarias ou a execución de peches permeables de malla ou similares.

Ademais, como novidade, eses traballos menores na área dos ríos de Galicia-Costa poderanse iniciar desde o momento mesmo da presentación da declaración responsable, sen ter que agardar a autorización de Augas de Galicia. Isto suporá unha axilización nos trámites e na execución das obras, xa que ata agora para os traballos que estaban permitidos con declaración responsable esixíase un prazo de 15 días desde a súa presentación para poder iniciarse.

Co novo decreto estímase que arredor do 40% das preto de 1.200 solicitudes que recibe Augas de Galicia se poderán acoller á declaración responsable, axilizando as actuacións e evitando a espera de varios meses da tramitación dunha autorización.

O Goberno galego segue a traballar para ofrecer facilidades aos cidadáns, a través dunha simplificación administrativa que lles facilita a execución de obras menores nas proximidades dos ríos da demarcación Galicia-Costa de modo compatible coa protección dos leitos fluviais e das súas marxes.