Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta informa que a partir do 23 de marzo as obras en fachadas e tellados ou os cambios de fiestras en casas próximas a ríos se poden facer presentando só unha declaración responsable

Estes traballos menores na área dos ríos de Galicia-Costa poderán iniciarse desde a presentación da declaración, sen agardar a autorización de Augas de Galicia

Co novo decreto pasarán a poder executarse con declaración responsable algúns traballos de conservación de infraestruturas viarias ou peches permeables de malla

Ethel Vázquez subliña que ante as circunstancias de cambio climático cómpre que as administracións públicas se anticipen para xestionar situacións extremas

Recorda que a Xunta vén de aprobar a Lei de medidas de garantía de abastecemento, que reforza a planificación e a resposta das administracións fronte a períodos de seca, para garantirlle á poboación a auga en cantidade e calidade

Os concellos disporán nos vindeiros meses de incentivos da Xunta para auditar as súas redes e lograr que as fugas se sitúen por debaixo do 20%

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2020.- A Xunta informa que a partir do día 23 de marzo as obras en fachadas, tellados ou cambios de fiestras de vivendas próximas aos ríos poderán facerse presentando unha declaración responsable, sen agardar a autorización de Augas de Galicia.

Vázquez Mourelle, acompañada pola directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, informou hoxe a técnicos duns 60 concellos e das deputacións provinciais sobre as novas normativas de xestión pública da auga

Indicou que o DOG publicou esta semana o decreto polo que se modifican determinadas disposicións en materia de augas para facilitar a execución de obras menores nas proximidades dos ríos da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

Destacou o impacto social desta normativa que lle permitirá aos cidadáns comezar eses traballos menores no dominio público hidráulico desde o momento da presentación da declaración responsable.

O novo decreto suporá unha axilización nos trámites e execución das obras, pois ata agora para os traballos que estaba permitido realizar con declaración responsable esixíase un prazo de 15 días desde a súa presentación para poder iniciarse.

A partir do 23 de marzo, data de entrada en vigor do decreto, pasarán a poder executarse tamén con declaración responsable, sen necesidade de autorización de Augas de Galicia, algúns traballos de conservación de infraestruturas viarias ou a execución de peches permeables de malla ou similares.

A nova regulación amplía e define con total claridade os traballos que se poden executar en zonas de dominio público hidráulico e de policía dos ríos de Galicia-Costa presentando unha declaración responsable. Ademais simplifica a tramitación, evítalle esperas aos cidadáns e facilita tamén o traballo dos técnicos da administración.

Augas de Galicia recibe unhas 1.200 solicitudes de autorización de obras que, en ocasións, poden saturar o servizo e adiarse na súa emisión. Non obstante, co novo decreto estímase que arredor do 40% destas solicitudes (entre 400 e 500) poderán acollerse á declaración responsable, axilizando as actuacións.

Cambio climático

A conselleira tamén abordou neste encontro as novas circunstancias climáticas que obrigan, ás administracións públicas e aos técnicos especialistas en materia de augas, a anticiparse para xestionar situacións extremas.

A este respecto, lembrou que recentemente a Xunta aprobou a Lei de medidas de garantía de abastecemento en episodios de seca e en situación de risco sanitario.

Trátase dunha normativa que está en vigor desde o pasado 11 de xaneiro e que vén reforzar a planificación e a resposta coordinada das administracións fronte a períodos de escaseza de precipitacións, para garantir a auga en cantidade e calidade axeitadas á poboación.

Un dos obxectivos fundamentais da norma é acadar unha xestión axeitada de todo o ciclo integral da auga e para iso fixa que, nun período de 3 anos, as fugas das redes municipais de abastecemento deben situarse por debaixo do 20%.

Apuntou que para facilitarlle aos concellos a realización de auditorías nas súas redes, vaise habilitar en vindeiros meses unha liña de incentivos para a instalación de contadores, que serán obrigatorios nos puntos de captación e nos de subministración final.

Ademais o Goberno galego continúa coa liña de incentivos para axudar aos concellos na elaboración dos seus Plans de emerxencia fronte á seca.

Co obxectivo de previr posibles episodios de escaseza de precipitacións e garantir o abastecemento, Augas de Galicia está a avanzar nunha orde de incentivos a pequenas actuacións en traídas veciñais, que se prevé publicar nun mes.

Tamén se está a analizar a posibilidade de replicar noutros concellos proxectos exitosos como o LIFE Rural Supplies, que se levou a cabo en Abegondo, unha iniciativa pioneira para achegar solucións sostibles para pequenas redes de abastecemento rural.