Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta e o Concello de Arteixo asinan un convenio de colaboración para reforzar o abastecemento ao municipio e ao polígono de Morás

Trátase de mellorar o sistema municipal desde a rede existente, no contorno do polígono do Vío, executando un bombeo desde a zona de Vío Baixo ata a de Vío Alto e a construción de depósitos de regulación nese punto

O acordo senta as bases da colaboración entre a Administración autonómica e local, de cara a dar resposta ás novas necesidades de abastecemento que ten este municipio coruñés derivadas do seu crecemento urbano e industrial

As intervencións, cun investimento de 4,1 millóns de euros, serán financiadas polo Concello e executadas polo organismo hidráulico da Xunta

Arteixo (A Coruña), 3 de marzo de 2020.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, asinaron hoxe o convenio de colaboración para reforzar o sistema de abastecemento ao municipio e ao polígono de Moras.

Trátase de executar a mellora do abastecemento municipal desde a rede existente, no contorno do polígono do Vío, que se abastece do encoro de Cecebre, para o que se prevé a execución dun bombeo desde a zona de Vío Baixo ata a de Vío Alto e a construción de depósitos de regulación nese punto.

Cumprindo co acto administrativo, a formalización deste acordo por parte da titular do departamento de Infraestruturas e o rexedor de Arteixo senta as bases da colaboración entre a Administración autonómica e local, de cara a dar resposta ás novas necesidades de abastecemento que ten este municipio coruñés derivadas do seu crecemento urbano e industrial.

Segundo recolle o mesmo, o Concello de Arteixo financiará as actuacións, que suporán un investimento de 4,1 millóns de euros, correspondendo ao organismo hidráulico da Xunta a supervisión do proxecto e execución das obras. Unha vez executadas o Concello asumirá a súa posta en servizo, mantemento e conservación.

Neste momento, o proxecto no treito entre Vío Alto e Morás atópase en fase de supervisión técnica, para despois continuar cos trámites administrativos necesarios para licitar as obras, previsiblemente no segundo semestre de ano. As mesmas darán continuidade ás obras proxectadas nun 1º treito polo Concello en colaboración coa empresa Emalcsa.

Para facer efectivo este reforzo do abastecemento as obras prevén a construción dunha condución de máis de 5.000 metros desde o depósito de Vío Alto ata o polígono de Morás.
Contará con 2 puntos de subministración directa ao sistema de abastecemento municipal, en Vilarrodís e á altura de Sabón, para garantir auga aos núcleos de poboación, aos veciños. E, tamén en Sabón, terá unha conexión coa condución de enchido do depósito do parque empresarial de Morás, para garantir auga para as actividades industriais e as empresas que alí se instalen.