Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta ratifica todos os compromisos co Concello da Cañiza para mellorar a mobilidade, a seguridade viaria ou o servizo de abastecemento de auga aos veciños

A Xunta, tal como se comprometera co anterior Goberno municipal, vai contratar a redacción do proxecto dun novo trazado entre as vías PO-406 e EP-5003 que evite a circulación de vehículos pesados polo centro urbano

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2020.- A Xunta ratifica todos os compromisos co Concello da Cañiza en materia de melloras de mobilidade, infraestruturas hidráulicas e estradas. Así llo vén de trasladar a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao alcalde, Luís Gómez.

A Xunta, tal como se comprometera co anterior Goberno municipal, vai contratar a redacción do proxecto de trazado dunha nova conexión entre as vías autonómica PO-406 e a provincial EP-5003, evitando a circulación de vehículos pesados polo centro urbano.

A conselleira tamén lle comunicou ao rexedor que o seu departamento mantén o financiamento xa comprometido con anterioridade para mellorar o sistema de abastecemento de auga.

Cómpre lembrar que o Goberno galego e o Concello da Cañiza asinaran un convenio de colaboración para acometer estas actuacións, ás que a Xunta achegará un orzamento de 600.000 euros.

Non obstante, a conselleira explicoulle ao alcalde que o proxecto ascende a máis de 960.000 euros, polo que a Administración local deberá cofinanciar o importe restante. Neste sentido, a Consellería de Infraestruturas remitiralle o novo proxecto ao municipio para concretar o cofinanciamento das obras.

Neste encontro, Ethel Vázquez tamén lembrou que o Plan de transporte público de Galicia está a permitir o funcionamento de 9 liñas de autobús que conectan A Cañiza e Vigo.

Ademais, salientou que os novos contratos do plan, que están en fase de licitación, contemplan melloras na mobilidade dos veciños como a prolongación do servizo de Vigo ata a parroquia de Valeixe.