Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Lei de medidas de garantías de abastecemento entra hoxe en vigor para reforzar a planificación e a resposta coordinada fronte á seca e garantir a subministración de auga á poboación

Promove a maior eficiencia e responsabilidade na xestión das reservas hídricas e fixa os protocolos de actuación a seguir por cada administración en caso de alerta, facilitando a máxima axilidade na adopción de medidas extraordinarias

A Xunta apoiará técnica e financeiramente aos concellos nas súas competencias na mellora do abastecemento da auga, un papel no que resultará tamén crucial a implicación das deputacións na asistencia aos municipios máis pequenos

O primeiro obxectivo desta norma é acadar a xestión axeitada dos servizos do ciclo urbano da auga para o que establece que as fugas das redes de abastecemento deberán situarse por debaixo do 20% nun prazo máximo de 3 anos

Para facilitar aos concello a realización das auditorías das súas redes, a Xunta habilitará proximamente a primeira liña de axudas para a instalación de contadores de caudal que permitan identificar as perdas, que serán obrigatorios

A nova normativa promove que as tarifas municipais polos servizos de subministro de auga animen a un uso eficiente e a un consumo responsable, diferenciando tramos en función do volume de auga consumida

A Lei fixa un prazo de 2 anos para que os concellos de máis de 20.000 habitantes elaboren plans de emerxencia fronte a seca, para o que a Xunta xa ten concedido axudas a 20 municipios e, proximamente, publicará unha nova convocatoria

En situación de alerta por seca os concellos deberán ditar as disposicións necesarias para asegurar o aforro de auga, podendo reutilizar as augas residuais para o rego ou bocas de incendios, previa desinfección e autorización sanitaria

O texto lexislativo prevé que as obras destinadas a garantir o abastecemento de auga en caso de emerxencia terán prevalencia sobre o planeamento urbanístico e levarán aparellada a urxente ocupación dos terreos necesarios

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2020.- A Lei de medidas de garantía de abastecemento en episodios de seca e en situación de risco sanitario entra hoxe en vigor, trala súa publicación onte no Diario Oficial de Galicia, e vén a reforzar a planificación e a resposta coordinada das administracións públicas fronte a períodos de escaseza de precipitacións e garantir auga en cantidade e calidade axeitadas á poboación.
Con este Lei, Galicia sitúase como a primeira comunidade autónoma que eleva ao máximo rango normativo a protección do dereito á auga fronte á seca e á vangarda na adaptación da xestión da auga ao novo contexto climático.

A normativa aposta, por unha banda, pola prevención, procurando unha maior eficiencia e responsabilidade na xestión e no uso das reservas hídricas; e, por outra banda, ordena e delimita con claridade os protocolos de actuación que debe seguir cada administración en caso de seca ou alerta sanitaria, facilitando a máxima axilidade na adopción de medidas extraordinarias destinadas a subministración de auga.

A Xunta asume a responsabilidade de velar de forma directa por que os Concellos garantan o abastecemento de auga á poboación, reforzando o seu labor de asistencia técnica e financeira ás entidades locais, un papel no que resultará tamén crucial a implicación das deputacións provinciais na asistencia aos municipios máis pequenos.
E todo iso tendo en conta que os titulares das competencias directas no abastecemento de auga á poboación son os Concellos e que na comunidade autónoma a xestión do dominio público hidráulico está dividida entre Augas de Galicia, no caso da demarcación Galicia-Costa, e o Goberno central, no resto do territorio.

Eficiencia e responsabilidade na xestión e uso das reservas hídricas

Como primeiro obxectivo desta norma está o de acadar unha xestión axeitada dos servizos do ciclo urbano da auga, procurando, entre outras cousas, situar as fugas das redes municipais de abastecemento por debaixo do 20% nun período de 3 anos, desde a entrada en vigor da Lei. Superado ese período, as perdas excesivas de auga nas redes serán obxecto dun gravame disuasorio cuxa recadación será finalista e destinada, en exclusiva, á renovación das redes.

Para facilitar aos concellos a realización das auditorías das súas redes de abastecemento e para dispor da información necesaria sobre posibles fugas, a Xunta habilitará proximamente a primeira liña de axudas para a instalación de contadores de caudal, que serán obrigatorios tanto nos puntos de captación de auga como nos de subministración final.
Na consecución de maior eficiencia e responsabilidade no uso da auga, a lei tamén promove que as tarifas municipais polos servizos de subministro de auga animen a un uso eficiente e a un consumo responsable, facendo facturas de fácil comprensión polos usuarios; diferenciando tramos en función do volume de auga consumida; e sen que poidan establecerse mínimos exentos que desincentiven o consumo responsable da auga.

Aposta pola planificación

O segundo obxectivo da Lei é reducir a vulnerabilidade fronte os episodios de seca, para o que se establecen medidas de planificación, de xestión eficiente dos recursos hídricos e de execución de novas infraestruturas.

A Lei aposta así polo reforzo da planificación como ferramenta tanto para dotar de maior eficacia e eficiencia no funcionamento dos sistemas de abastecemento, como para asegurar a resposta áxil e eficaz en caso de seca ou alerta sanitaria.

Deste xeito, a normativa concede un prazo de 2 anos desde a súa entrada en vigor para que os concellos ou entidades titulares dos sistemas de abastecemento con máis de 20.000 habitantes elaboren os plans de emerxencia fronte a seca.

No caso dos concellos e entes locais, fíxase o contido que, como mínimo, deben ter os plans de emerxencia por seca: unha descrición e diagnóstico do sistema de abastecemento; a identificación das zonas máis vulnerables e das actividades estratéxicas no ámbito; un sistema de indicadores que permita prever os escenarios de risco con anticipación; a previsión de alternativas para a subministración de auga; e as actuacións necesarias para garantir o abastecemento durante o episodio de seca.

Cómpre lembrar que actualmente non existe ningún concello na demarcación hidrográfica Galicia-Costa que conte cun plan de emerxencia fronte á seca aprobado por Augas de Galicia, motivo polo que a Xunta lanzou o pasado ano a primeira orde de axudas para a súa elaboración e concedeu xa as primeiras 20. Neste ano publicarase unha nova convocatoria de axudas.

No caso de Augas de Galicia, a Lei recolle a obriga de contar co seu propio plan de seca, como todos os organismos de bacía, e introduce como novidade o deber de este organismo de emitir anualmente un informe de seguimento e de actualizar ese plan cada seis anos.

Resposta fronte á seca

A nova Lei busca establece tamén o establecemento de protocolos de actuación nos diferentes escenarios de alerta por seca ou risco sanitario e as responsabilidades que corresponden tanto aos concellos e entidades responsables dos sistemas de abastecemento como a Administración Hidráulica de Galicia.

En función do escenario de alerta que determinen os indicadores, os concellos deberán ditar disposicións dirixidas ao aforro da auga, restrinxindo o uso de auga potable para fins secundarios, e executar as actuacións identificadas como necesarias para garantir o abastecemento, de acordo co establecido no seu plan de emerxencia. Así mesmo, poderán reutilizarse as augas residuais depuradas para usos tales como as fontes ornamentais, a rega de xardíns, baldeos, sempre previa desinfección e con autorización sanitaria.

O texto lexislativo pon o acento nas medidas para facilitar as actuacións necesarias para garantir o abastecemento de auga en cantidade ou calidade. Así, as medidas adoptadas en situación de seca ou risco sanitario levarán implícita declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación dos terreos necesarios para a execución das actuacións necesarias. Ademais a execución de obras destinadas a garantir o abastecemento de auga en caso de emerxencia declarada prevalecerá sobre os instrumentos de planeamento urbanístico, que será posteriormente adaptado á actuación.

Con esta Lei, a Xunta afonda no corpo normativo sobre a xestión do ciclo da auga na Comunidade que ten como principal referencia a Lei 9/2010, de augas de Galicia, que, desde a súa aprobación, permitiu mellorar a xestión dos sistemas depuración, saneamento e abastecemento e a construción de importantes infraestruturas.