Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

Ovidio Rodeiro supervisa o remate das obras de abastecemento de dúas parroquias de Frades grazas a un investimento de case 500.000 €

O delegado territorial da Coruña visitou esta actuación que dotou deste servizo básico ás aldeas de Moar e Añá

Frades (A Coruña), 2 de decembro de 2019.- O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañado polo alcalde de Frades, Roberto Rey, supervisou o remate das obras abastecemento de auga ás parroquias fradesas de Moar e Añá, que tiveron un custe 497.890 euros e que foron financiadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Este proxecto, que tivo un prazo de execución de oito meses, permite dotar de auga potable a todas as vivendas destas dúas parroquias. Para isto, foi necesario o soterramento de 21.385 metros de tubaxe de PVC de diverso diámetro, dende os 160 milímetros ata os 63. A obra contará tamén con tres cruces en estradas provinciais mediante perforacións verticais.

Na visita, Ovidio Rodeiro destacou “o esforzo conxunto das administracións autonómica e local por dotar ao rural de servizos básicos como o abastecemento de auga potable, que redunda nunha maior calidade de vida do veciños e veciñas”. O delegado territorial tamén recordou que esta actuación permite “garantir un maior control sanitario na auga de consumo humano, xa que ata o de agora as vivendas destas dúas parroquias fornecíanse con pozos e traídas particulares”.

Este proxecto está enmarcado no Plan de Abastecemento de Galicia incluído na Lei de Augas de Galicia, que ten como obxectivos garantir o abastecemento de auga potable a todos os núcleos de poboación superiores a 50 habitantes. Ademais, o plan tamén aposta por planificar as infraestruturas de captación, regulación, transporte, tratamento e distribución necesarias para garantir a subministración mesmo en períodos de seca.