Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica as obras de abastecemento e saneamento nos núcleos de Formigoso, A Acea e A Lamela, no concello de Baños de Molgas, por un investimento de máis de 300.000 euros

Estas intervenicón inclúe a construción de dous ramais de conexión de abastecemento entre os núcleos de Bouzas e Formigoso, e entre os de Fondo de Vila e A Acea

Tamén se executará unha rede de saneamento que terá unha lonxitude de máis de medio quilómetro

A intervención enmárcase na colaboración da Xunta coa execución de infraestruturas hidráulicas en concellos, respostando ás necesidades dos cidadáns
 

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2019.- A Xunta vén de adxudicar as obras de abastecemento e saneamento nos núcleos de Formigoso, A Acea e A Lamela, no Concello de Baños de Molgas por un investimento de máis de 300.000 euros.

Esta actuación, adxudicada á empresa Explotacións Medioambientais SLU, dispón dun prazo de execución de catro meses.

Nesta intervención prevese a construción de dous ramais de conexión de abastecemento entre os núcleos de Bouzas e Formigoso, e entre Fondo de Vila e A Acea.

A rede de saneamento que se executará terá unha lonxitude de máis de medio quilómetro. Como medio de depuración das augas residuais proxéctanse tres fosas sépticas con capacidade para 50 persoas en Formigoso e na Lamela, e para 30 persoas na Acea. Na Lamela prevese ademais a mellora da captación existente.

O proxecto tamén contempla mellorar as condicións do servizo de abastecemento de Formigoso que na actualidade se serve desde a rede de distribución de Molgas, a menos cota e co resultado de presión insuficiente.

Para iso, as obras prevén a conexión deste último núcleo coa rede de distribución de Bouzas mediante 1.064 metros de tubaxe, conseguindo así unha presión máis alta. Tamén se conectará este ramal coa rede de Molgas para, en calquera momento, poder fornecer tamén a esta rede.

O núcleo da Acea non dispón na actualidade de rede de abastecemento de auga potable, polo que este proxecto prevé a subministración de auga mediante a construción dun ramal desde a rede existente no núcleo de Fondo de Vila. Esta rede de abastecemento terá unha lonxitude de máis de 700 metros.

Esta intervención enmárcase na colaboración da Xunta coa execución de infraestruturas en concellos que teñen un orzamento insuficiente para o seu financiamento, dando resposta ás necesidades dos habitantes destas poboacións.

Esta actuación do departamento hidráulico da Xunta de Galicia é cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) nun 75%, no marco do Programa de Desenvolvemento Rural Galicia 2014-2020.