Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta investirá preto de 200.000 euros na reparación das pasarelas da contorna do río Mero, en Cambre, e na conservación desta área fluvial

Augas de Galicia financiará o acondicionamento das pasarelas desta área, entre a presa de Cecebre e a súa desembocadura, cunha achega de máis de 48.000 euros

Unha vez rematados estes traballos nas pasarelas, o Concello de Cambre deberá asumir o seu mantemento e conservación
 

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2019.- A Xunta de Galicia investirá preto de 200.000 euros na reparación das pasarelas da contorna do río Mero, en Cambre, e na conservación desta área fluvial.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de remitirlle ao Concello de Cambre unha proposta de convenio de colaboración no que se detallan as responsabilidades de cada administración na conservación desta contorna.

No texto establécese que Augas de Galicia financiará integramente as obras de reparación das pasarelas que forman parte desta área do río Mero, entre a presa de Cecebre e a súa desembocadura, cunha achega económica de máis de 48.000 euros.

Unha vez rematados estes traballos nas pasarelas, o Concello de Cambre deberá asumir o mantemento das citadas infraestruturas.

A Xunta tamén propón no convenio que Augas de Galicia lle achegará ao municipio un investimento de preto de 160.000 euros nos vindeiros catro anos, uns 40.000 euros por exercicio, para que realice as accións de mantemento na parte que lle corresponde, que é a situada fóra do dominio público hidráulico.

O Concello de Cambre, coa colaboración técnica e financeira autonómica, deberá acometer, fóra do dominio público hidráulico, desbroces selectivos da vexetación de ribeira, retirada de árbores en mal estado ou caídas ou o reperfilado de cunetas e noiros nas zonas de paseo.