Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta celebra en Ares unha xornada de formación técnica para potenciar unha xestión máis eficiente das depuradoras de augas residuais

Augas de Galicia achega aos profesionais de operación destas infraestruturas as medidas de optimización enerxética implantadas en distintas depuradoras

Ares (A Coruña), 6 de novembro de 2019.- A Xunta, a través de Augas de Galicia, celebra hoxe en Ares unha xornada de capacitación técnica para potenciar unha xestión das estacións depuradoras de augas residuais máis eficiente e sostible. Trátase dunha iniciativa enmarcada no proxecto europeo Aqualitrans de cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal.

Dirixida aos profesionais relacionados coa xestión e operación das depuradoras, a sesión de hoxe permite que os asistentes coñezan de primeira man as experiencias levadas a cabo entre distintos organismos de Galicia e Norte de Portugal para a mellora da eficiencia enerxética do proceso de depuración de augas residuais. Isto, asegurando a calidade da auga tratada, logrando un mellor rendemento de depuración, menores consumos enerxéticos e redución de emisións contaminantes.

Na actividade de hoxe, os técnicos de Augas de Galicia e os socios portugueses de Aqualitrans deron a coñecer os resultados acadados tras o desenvolvemento das experiencias piloto realizadas sobre o consumo enerxético en 20 estacións depuradoras, 10 galegas e 10 no país veciños.

No caso de Galicia, desde o organismo hidráulico da Xunta afondouse nas melloras acadadas nas 5 infraestruturas onde se implantaron distintas medidas de optimización enerxética, e que se corresponden coas depuradoras de Cedeira, Ares, A Pobra do Caramiñal, Nigrán e Gondomar.

No programa de traballo de hoxe tratouse tamén do traballo desenvolvido polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) para a mellora do potencial da eficiencia e dos plan de mellora enerxética nas EDAR, así como das ferramentas para a xestión avanzada desenvolvidas en torno a estas infraestruturas.

Esta xornada de capacitación técnica terá unha nova edición o vindeiro día 20 de novembro en Nigrán, cumprindo así o proxecto Aqualitrans co seu programa de formación de técnicos e profesionais de xestión das infraestruturas hidráulicas.

Augas de Galicia participa do proxecto Aqualitrans, cofinanciado con fondos europeos e dotado con case 1 millón de euros, e no que está colaborando co INEGA, a Fundación Instituto Tecnológico de Galicia, Águas do Municipio do Porto e o Instituto de Ciência e Inovaçao em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial (INEGI).