Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez salienta que as deputacións provinciais teñen na 'Sogama da auga' unha oportunidade para demostrar que son útiles apoiando aos concellos nas súas competencias de saneamento e abastecemento

Vázquez Mourelle indica que agarda reflexión e diálogo por parte dos organismos provinciais que teñen manifestado a súa oposición a este proxecto, pois da súa colaboración depende que os concellos ofrezan mellores servizos aos cidadáns

Subliña que “rexeitar esta entidade pública significa darlles as costas aos concellos na xestión dos seus servizos e renunciar a mellorar a calidade ambiental, a competitividade turística e o potencial pesqueiro e marisqueiro de Galicia”

Destaca que a Xunta leva mobilizado máis de 1.100 M€ en 350 actuacións de saneamento que beneficiaron a 165 concellos, 45 novas depuradoras para dar servizo a máis da metade da poboación de Galicia

A Coruña, 6 de novembro de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, clausurou hoxe o ‘VII Congreso de sostibilidade social e económica do sector pesqueiro’, no que salientou que as Deputacións provinciais teñen na ‘Sogama da auga’ unha oportunidade para demostrar que son útiles apoiando aos concellos na prestación das súas competencias de saneamento e abastecemento.

Vázquez Mourelle indicou que a Xunta agarda reflexión e diálogo por parte dos organismos provinciais que teñen manifestado a súa oposición a este proxecto e precisou que da súa colaboración depende que os concellos poidan prestar mellores servizos aos cidadáns.

Subliñou que “rexeitar a creación desta entidade pública de apoio aos concellos, significa darlles as costas na xestión dos seus servizos municipais e renunciar a traballar coordinadamente para mellorar a calidade ambiental, a competitividade turística e o potencial pesqueiro e marisqueiro de Galicia”.

Neste sentido, o Goberno galego, nos últimos anos, vén reforzando a aposta por acadar o saneamento integral das rías galegas a través dun importante esforzo en planificación, programación e investimentos.

Destacou a posta en marcha dos Plans de saneamento local, que permiten analizar palmo a palmo todo o sistema de saneamento para facer unha diagnose sobre as problemáticas e poder achegar solucións para mellorar os sistemas de depuración e a calidade das masas.

Citou como exemplo a ría do Burgo, na que a Xunta leva investido máis de 100 M€ en infraestruturas de saneamento e depuración que xa deron froitos, pois melloraron a calidade da augas e a clasificación pasou de C a B, podéndose extraer molusco.

A Xunta leva mobilizado máis de 1.100 M€ para levar a cabo 350 actuacións de saneamento que beneficiaron a 165 concellos, 45 novas depuradoras para dar servizo a máis da metade da poboación de Galicia.

Non obstante, a este respecto, Ethel Vázquez recordou que “tan importante é facer infraestruturas como explotalas ben”.

Destacou que estas actuacións supuxeron un salto cualitativo que se manifesta na mellora da extensión dos servizos de saneamento e depuración, ao chegar a máis de 3,3 millóns de habitantes equivalentes, fronte aos 1,8 millóns de 2009.

Engadiu que nos últimos anos mellorou a calidade das augas nuns 10 puntos porcentuais, xa que hoxe o 76% das masas das rías está en bo estado, fronte ao 67% do ano 2009.

A Xunta segue traballando nesta materia e por isto continúa financiando proxectos que mellorarán o saneamento das rías como as obras da Malata, en Ferrol, o saneamento de Pontedeume e Cabanas ou de Rianxo, a EDAR de Viveiro ou a de Praceres.

Neste sentido, os Orzamentos para 2020 reservan máis de 70 M€ de axuda directa ás competencias municipais de abastecemento, saneamento e depuración: 50 millóns para apoiar aos concellos no financiamento e execución de obras hidráulicas e 20 para a explotación e mantemento de depuradoras municipais.