Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta contrata obras de mellora da estación de tratamento de auga potable de Sober, cun investimento de 32.000 euros

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que se acometerá a substitución de varios elementos para garantir un funcionamento eficaz das instalacións

Sober (Lugo), 31 de outubro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de contratar a obra de mellora da estación de tratamento de auga potable de Sober, que conta cun orzamento próximo aos 32.000 euros (31.762,50 euros).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se trata de traballos de conservación e reposición de elementos para garantir un funcionamento eficaz das instalacións. O prazo de execución será dunha semana.

Entre as actuacións propostas inclúese a instalación dun novo grupo hidráulico para a impulsión da auga tratada, en substitución do existente. Ademais, será preciso adaptar a bancada existente ou a realización dunha nova, procurando na medida do posible non modificar as tubaxes de aspiración e impulsión existentes.

Igualmente, substituirase a bomba para axitación de líquidos e a area de filtrado. Para elo, realizarase o baleirado e posterior limpeza do filtro existente e volverase a encher con area sílex especial para este obxectivo; trátase de grans cun diámetro comprendido entre 0,8 e 1 milímetros, con boa capacidade para reter partículas finas.