Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

Un total de 18 empresas presentan as súas ofertas para executar a ampliación e mellora da EDAR de Viveiro cun investimento de case 4 millóns de euros

As obras mellorarán a depuración de todas as augas residuais do municipio, incorporando cunha nova conexión as procedentes da rede de Celeiro

Estas actuacións incrementarán nun 50% a capacidade de depuración da planta actual, permitirá atender 23.700 habitantes, deixando cubertas as necesidades de depuración de Viveiro para as próximas dúas décadas

O proxecto contribuirá a mellorar significativamente a calidade da auga da ría, que se traducirá no resultado das analíticas sanitarias de praias como a de Celeiro

A Xunta, sumadas esta actuación e o proxecto de saneamento de Celeiro e mellora da condución de vertido da EDAR de Viveiro, mobiliza máis de 7 M€ para axudar ao Concello nas súas competencias a acadar a depuración das súas augas residuais

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2019.- Un total de 18 empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras de ampliación e mellora da depuradora de Viveiro, que comezarán en verán de 2020, cun investimento duns 4 millóns de euros.

O Goberno galego continúa avanzando na tramitación administrativa desta actuación, cuxas obras dispoñen dun prazo de execución de 18 meses.

A intervención ten como obxectivo ampliar a capacidade e mellorar o grao de depuración previo ao emisario de todas as augas residuais de Viveiro, incluídas as do núcleo de Celeiro.

Esta optimización permitirá tratar a totalidade das augas residuais xeradas no municipio, incorporando cunha nova conexión os procedentes da rede de Celeiro, que actualmente non van á depuradora. Ademais solucionaranse os problemas detectados na actual depuradora, que xestiona o Concello, pois as deficiencias na súa conservación e mantemento fan que a capacidade de depuración real sexa menor da inicialmente prevista.

Estas obras, ao tratarse da mellora e intervención na depuradora que xa está en funcionamento, a medida que se executen as distintas actuacións, iranse poñendo en servizo, procedéndose ao final, ás probas para que todo funcione correctamente.

Trátase dunha actuación estratéxica para Viveiro e a súa ría que incrementará nun 50% a capacidade de depuración da planta actual e permitirá atender 23.700 habitantes equivalentes, deixando cubertas as necesidades de depuración de Viveiro para as próximas dúas décadas.

Esta ampliación da capacidade e mellora do funcionamento da EDAR de Viveiro contribuirán a obter unha mellora significativa da calidade da auga da ría, que se traducirá, tamén, no resultado das analíticas sanitarias que presentan praias como a de Celeiro.

Por outra parte, cómpre lembrar que a Xunta tamén está a ultimar o proxecto de saneamento de Celeiro e a mellora da condución de vertido da EDAR de Viveiro, que inclúe a execución do novo emisario e retirada do antigo, novo tanque de tormentas e mellora da capacidade de bombeo de Celeiro, cun orzamentos duns 3,5 millóns de euros.

O Executivo autonómico está a impulsar así estes dous proxectos hidráulicos que suman un investimento de máis de 7 millóns de euros para axudar ao Concello nas súas competencias e conseguir que Viveiro e Celeiro poidan depurar as súas augas residuais conforme ás normativas vixentes.