Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

Augas de Galicia salienta o seu labor de vixiancia e control para velar polo estrito cumprimento da lei e o coidado do dominio público hidráulico na contorna da antiga mina de Touro

A Administración hidráulica autonómica inspecciona e persegue calquera indicio ou denuncia de afección da balsa de Bama motivada pola actividade de restauración nos terreos da antiga mina

Incoáronse expedientes sancionadores por importe de 80.000 euros por vertidos puntuais no último ano

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2019.- A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, salientou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento, o labor de vixilancia e control que realiza a Administración hidráulica autonómica para garantir o estrito cumprimento da lei e velar pola calidade das augas dos ríos na contorna da antiga zona mineira de Touro.

Na súa intervención, Teresa Gutiérrez centrou as explicación na labor que vén realizando Augas de Galicia nas masas das augas dos cursos fluviais nesta contorna, tendo en conta que Augas de Galicia non ten atribución legal para avaliar a xestión das augas no interior do recinto mineiro.

Augas de Galicia traballa para defender o cumprimento da normativa e esixindo o preciso cumprimento das normas e garantías medioambientais por parte das empresas que actualmente operan nos terreos da antiga mina, coa determinación de seguir traballando nesta liña .

No que se refire á balsa de Bama, a directora de Augas de Galicia detallou que o deber do organismo é, en primeiro lugar, facer un seguimento da calidade das masas de auga próximas ao contorno da antiga Mina de Touro. Para iso o organismo hidráulico da Xunta conta cun punto de control localizado no río Brandelos no que se realiza un seguimento periódico trimestral das augas.

En segundo lugar, Augas de Galicia ocúpase da intervención dos vertidos nesas masas de augas. O organismo hidráulico da Xunta vela polo cumprimento da normativa, inspeccionando e perseguindo calquera indicio ou denuncia de afección motivada pola actividade das empresas que realizan actualmente labores de restauración nos terreos da antiga mina.

Abundou no seguimento dos vertidos procedentes da balsa de Bama e ás inspeccións na zona realizadas polo organismo hidráulico da Xunta -periodicamente e cando se reciben denuncias para a comprobación dos feitos que se denuncian-, así como a incoación dos expedientes sancionadores que procedan, como de feito xa ten feito.
No último ano incoáronse expedientes sancionadores por importe de 80.000 euros por feitos concretos ocasionados por situacións puntuais que foron corrixidas e sancionadas de acordo ao disposto na norma.

Concretou que nas inspeccións levadas a cabo estes anos, Augas de Galicia ten comprobado que nas épocas de verán e outono o volume de auga almacenado na balsa é inferior ao das épocas de inverno ou primavera. E citou os datos das inspeccións realizadas en xullo e outubro deste ano, onde os técnicos de Augas de Galicia verificaron unha notable diminución do volume de auga almacenado nela.

Non obstante, indicou, nesa inspección nin se observaron vertidos á canle pública procedentes da balsa –como tampouco se recibiu ningunha denuncia ao respecto de posibles vertidos-, nin se constatou un empeoramento da calidade das masas de auga próximas á balsa. Tampouco observaron ningunha actuación ou obra de drenaxe ou canle adicional de derivación polo que se puidera ter producido algún baleirado.

É dicir, subliñou, a diminución do volume de auga almacenado na balsa de Bama non tivo ningunha transcendencia respecto do dominio público hidráulico, que é o obxecto estrito das competencias de Augas de Galicia.