Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica as obras de mellora do sistema de depuración de augas residuais dos Praceres, en Pontevedra, por 13 millóns de euros

Este contrato ten un prazo de execución de 27 meses, 3 para a redacción do proxecto e 12 para a súa execución, ao que se engade un período de posta en marcha doutros 12 meses

Esta actuación permitirá mellorar substancialmente a curto prazo a depuración das augas residuais dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio e Vilaboa co obxectivo de cumprir os límites de vertido marcados pola normativa europea

A intervención contempla a remodelación do tratamento secundario existente para garantir a axeitada depuración de ata 900 l/s de auga residual

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar hoxe as obras de mellora do proceso de depuración da estación depuradora de augas residuais de Os Praceres, no Concello de Pontevedra, por un importe duns 13 millóns de euros.

Os traballos serán executados pola unión temporal de empresas Acciona Construcción, SA & Acciona Agua, SA, e dispoñen dun prazo de execución de 27 meses, desde o inicio das mesmas. Máis en concreto, O contrato prevé un prazo de 3 meses para a redacción do proxecto e de 12 para a súa execución, ademais doutros 12 para a posta en marcha dos novos tratamentos.
O saneamento da ría de Pontevedra é unha das grandes prioridades actuais do Goberno galego en materia hidráulica, onde resulta imprescindible actuar para garantir tanto a recuperación ambiental das augas, a produtividade marisqueira e a actividade turística.

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Esta reforma tecnolóxica permitirá mellorar substancialmente a curto prazo a depuración das augas residuais dos concellos de Marín, Poio, Pontevedra e Vilaboa, co obxectivo de cumprir os límites de vertido marcados pola Directiva 91/271/CEE.

A intervención contempla a remodelación do tratamento secundario existente, co fin de garantir a correcta depuración de ata 900 l/s de auga residual. A solución proxectada consistirá na modificación do reactor biolóxico existente para dispoñer dun tratamento de leito móbil e unha posterior clarificación das augas mediante un proceso físico-químico con lastrado por microarea.

Adicionalmente, ampliarase a liña de fango para ter en conta as novas achegas e realizaranse unha serie de actuacións previas para manter o funcionamento da depuradora durante as obras.

Os traballos poden subdividirse en 5 categorías: as actuacións previas, a conversión dos reactores biolóxicos a leito móbil, a implantación dunha etapa de clarificación das augas depuradas, a reforma do edificio de control, e a da liña de tratamento de fangos secundarios.

Esta actuación completarase coa construción do novo emisario submarino, dando cumprimento aos compromisos adquiridos coa UE. Compre lembrar aquí que estas obras xa foron licitadas en agosto e ás que se presentaron un total de 9 empresas para a elaboración do proxecto e a execución desta actuación, que dispón dun orzamento de máis de 12 millóns de euros.

A reforma da depuradora e a construción do novo emisario submarino forman parte do Plan de saneamento local elaborado tras un exhaustivo análise do actual sistema que foi dialogado cos concellos e os mariscadores da ría.

Ese plan inclúe a necesidade de acometer outras actuacións, entre elas a mellora das redes de saneamento municipais polas que se producen infiltracións indebidas.