Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

Un total de 9 empresas presentan as súas ofertas para a elaboración do proxecto e a execución do novo emisario submarino da depuradora dos Praceres, na ría de Pontevedra

A Xunta investirá máis de 12 millóns de euros para avanzar nesta obra declarada de interese da comunidade autónoma no Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicará nos próximos días o contrato de mellora da estación depuradora, superando os 28 millóns de euros mobilizados na depuración da ría de Pontevedra

O proxecto do emisario incorporou varias modificacións para dar solución ás cuestións suxeridas no proceso de información pública, o que supuxo un incremento duns 2 millóns de euros no orzamento

O obxectivo é construír unha nova infraestrutura que separe os vertidos industriais e os residuais e que conte coas dimensións axeitada ás necesidades actuais e futuras

O saneamento da ría de Pontevedra é unha das principais prioridades do Goberno galego en materia de actuacións hidráulicas, co fin de aumentar a competitividade económica da área e mellorar a produtividade no sector marisqueiro

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2019.- Un total de 9 empresas presentan as súas ofertas para a elaboración do proxecto e a execución das obras do novo emisario submarino da estación depuradora de augas residuais de Praceres, na ría de Pontevedra, cun orzamento de máis de 12 millóns de euros.

Esta obra hidráulica está declarada de interese da comunidade autónoma no Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.

A actuación divídese en dúas partes: a obra terrestre, que se corresponde coa execución da cámara de carga e estación de bombeo a emisario, e o emisario submarino. As obras proxectadas darán servizo a unha poboación aproximada de 141.204 habitantes para o ano horizonte 2042.

Trátase de executar un novo emisario submarino que separe os vertidos industriais e os residuais e que conte coas dimensións axeitada ás necesidades actuais e futuras

Cómpre lembrar que este proxecto incorporou varias modificacións coa fin de dar solución ás cuestións suxeridas no proceso de información pública, o que supuxo un incremento duns 2 millóns de euros no orzamento.

Neste sentido, modifícase a localización da cámara de carga e da estación de bombeo a fin de reducir o seu impacto visual, deixando libre a fachada litoral. E tamén se incrementa a lonxitude do tramo inicial no túnel do emisario de cara non afectar aos bancos marisqueiros a pé de Praceres, sen que esta medida implique un incremento do volume de escavación.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicará nos próximos días o contrato de mellora da estación depuradora, superando os 28 millóns de euros mobilizados na depuración da ría de Pontevedra.

O saneamento da ría de Pontevedra é unha das principais prioridades do Goberno galego para os próximos anos en materia de actuacións hidráulicas. O programa de actuacións que está en desenvolvemento na ría xorde dun proceso de planificación que se leva a cabo dende o ano 2016.

Con estas actuacións o Goberno galego segue a traballar na recuperación de zonas degradadas pola contaminación da costa, que redundan na mellora da calidade de vida da poboación asentada entorno á ría, aumenta a competitividade económica e fomento do turismo e se mellora a produtividade no sector marisqueiro.

Esta actuación cofinánciase pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014/2020.