Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta abordará a caducidade das concesións hidroeléctricas analizando caso a caso e garantindo sempre a mellor defensa do interese xeral

Teresa Gutiérrez explica que nas concas intracomunitarias de competencia autonómica xa están en tramitación 4 expedientes de extinción

Subliña que as decisións sobre o futuro dos aproveitamentos hidráulicos nas concas hidrográficas de Galicia-Costa terán en conta a súa rendibilidade social, patrimonial e natural

Aclara que a xestión dos aproveitamentos hidroeléctricos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil ao ser unha conca hidrográfica de carácter intercomunitario lle corresponde ao Estado

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2019.- A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, salientou hoxe no Parlamento que a Xunta abordará a caducidade das concesións hidroeléctricas analizando caso a caso e garantindo sempre a mellor defensa do interese xeral.

Na súa intervención na comisión 6ª do Parlamento, a directora puxo o acento en que a finalización do prazo das concesións e o procedemento de extinción e análise de alternativas cara ao futuro do aproveitamento hidroeléctrico están regulados expresamente na lexislación sectorial de aplicación.

Detallou as actuación de Augas de Galicia nos procedemento de extinción das concesións nas concas intracomunitarias de Galicia, de competencia da Xunta. A xestión dos aproveitamentos hidroeléctricos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil ao ser unha conca hidrográfica de carácter intercomunitario corresponde ao Estado.

Referiuse aos expedientes que están en tramitación de extinción por transcurso de prazo de vixencia nas concas hidrográficas de Galicia-Costa, e que se corresponden co aproveitamento de Ponte Inferno, no río Verdugo; o Salto de Güimil, no río Lambre; o aproveitamento da Castellana, no río Mandeo; e o de Fervenzas no río Vexo. Todos eles avanzan na tramitación fixada no Regulamento do Dominio Público Hidráulico.

Incidiu na complexidade da extinción das concesións dos aproveitamentos hidroeléctricos. Unha cuestión que se está a desenvolver na Administración hidráulica da Xunta e que, tal e como apuntou, esixe unha análise en profundidade, porque cada concesión ten as súas particularidades, e no que non cabe dar unha solución xeral.

Neste sentido, a directora de Augas de Galicia subliñou que as decisións da Xunta sobre o futuro dos aproveitamentos hidráulicos en todas as concesións da Demarcación hidrográfica Galicia-Costa virán guiadas polo interese xeral, atendendo en cada caso concreto á súa rendibilidade social, patrimonial e natural.