Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta somete a información pública o Anteproxecto de lei de creación dunha entidade pública de apoio aos concellos para garantir a correcta xestión do ciclo integral da auga

As persoas interesadas poderán realizar as súas achegas relativas ao anteproxecto ata o vindeiro 5 de novembro

O obxectivo é pór á disposición dos concellos unha xestión profesional e especializada dos servizos urbanos de abastecemento, saneamento e depuración de auga que abarate os custos aproveitando sinerxías

Apóstase por unha empresa pública participada maioritariamente pola Xunta, á que se poderán adherir voluntariamente os concellos coa implicación das deputacións

A entidade busca dar resposta á dificultade contrastada de moitas entidades locais para exercer coa necesaria eficacia unhas competencias con forte incidencia na calidade de vida da poboación, no coidado ambiental e na actividade económica

Permitirá acadar os obxectivos do Pacto local da Auga en canto á xestión eficiente, tarifas igualitarias e reparto de investimentos baseado en criterios obxectivos

Santiago, 16 de outubro de 2019.- A Xunta de Galicia somete ao procedemento de información pública o Anteproxecto de lei de creación dunha sociedade pública de apoio aos concellos para garantir a correcta xestión do ciclo integral da auga.

No marco deste proceso de participación, as persoas interesadas poderán realizar as súas achegas ata o vindeiro 5 de novembro. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a este procedemento: https://bit.ly/2IXLWVc

O Consello da Xunta deulle luz verde a semana pasada a esta iniciativa que impulsa a constitución dunha entidade pública de apoio aos concellos para garantir a xestión axeitada dos servizos da auga e abaratar os custos asociados á súa prestación.

Esta iniciativa legal impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade busca dar resposta á dificultade contrastada que teñen gran parte dos municipios galegos para exercer coa necesaria eficacia as competencias que lles outorga a lexislación para a prestación dos servizos urbanos da auga.

A sociedade permitirá acadar os obxectivos do Pacto local da Auga en canto á xestión eficiente, tarifas igualitarias e reparto de investimentos baseado en criterios obxectivos

Nos últimos anos Galicia experimentou un enorme salto cualitativo na extensión territorial dos servizos de abastecemento e depuración de augas, ao que contribuíu a mobilización por parte da Xunta de máis de 1.100 millóns de euros desde 2009 na execución de obras e infraestruturas hidráulicas en apoio aos municipios nas súas competencias.

 

As infraestruturas deben contar cunha boa xestión que permita prestar os servizos con calidade e eficacia, o cal require dunha capacidade técnica e económica da que, con moita frecuencia, carecen os municipios de Galicia.
Neste sentido, o Goberno galego busca activar un instrumento de axuda aos concellos para conseguir unha maior eficacia na prestación das súas competencias en materia de augas, tendo en conta, especialmente, a incidencia destes servizos na calidade de vida da poboación e no coidado ambiental, así como na pesca, no marisqueo e na acuicultura, ademais do turismo.
Trátase dunha empresa pública participada maioritariamente pola Xunta, á que se poderán adherir voluntariamente os concellos coa implicación da correspondente deputación provincial, tendo en conta que estas administracións teñen legalmente atribuídas as funcións de cooperación e asistencia aos concellos.

A proposta promove a explotación agrupada dos sistemas de saneamento e depuración municipais, tomando como referencia experiencias previas explotación conxunta que permiten aforros notables nos custos a través do aproveitamento de sinerxías e da utilización de economías escala, ademais de optimizar a eficacia do seu funcionamento.

A adhesión voluntaria dos concellos á sociedade poderá ter por finalidade a xestión dun ou varios servizos do ciclo urbano da auga. Estableceranse tarifas unitarias para todos os concellos galegos por cada metro cúbico abastecido e depurado.
Cando un concello lle encomende a xestión dun dos seus servizos da auga á sociedade pública, esta realizará un estudo técnico, administrativo e económico sobre as condicións de prestación dese servizo que determinará a necesidade ou non de executar novas obras ou infraestruturas, que serán cofinanciadas pola Xunta, a entidade local e a correspondente deputación provincial.