Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta entrégalle ao Concello de Porto do Son as obras de saneamento de Caamaño e a ampliación da depuradora de Xuño

Estas actuacións, que darán servizo a máis de 1.000 habitantes, xa están preparadas para que os veciños destes núcleos se conecten ao saneamento

A Xunta, no marco dun convenio co municipio, acometeu a instalación de máis de 1.000 metros de colector e outros 300 máis para un novo bombeo, co que poder impulsar as augas ata o punto máis elevado de Caamaño

Mellorouse e ampliouse o edificio da depuradora para que teña un adecuado funcionamento e coas instalacións para que os veciños de Xuño e Caamaño poidan conectarse á rede con todas as garantías

Na xuntanza tamén trataron as obras que se realizarán na depuradora do Concello, centrándose na mellora dos sistemas de xestión telemática no control do efluente

Ademais abordaron a solución definitiva para dotar de saneamento a Queiruga e San Pedro mediante unha nova depuradora nas inmediacións do río Maior

Porto do Son (A Coruña), 2 de outubro de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, abordou co alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, a entrega hoxe obras de saneamento de Caamaño e de mellora e ampliación da depuradora de Xuño, cun investimento autonómico de máis de 450.000 euros.

Estas actuacións, que darán servizo a máis de 1.000 habitantes, xa están preparadas e a conselleira convidou aos veciños destes núcleos a que pouco a pouco se vaian conectando ao saneamento.

A Xunta, no marco dun convenio de colaboración co municipio, acometeu a instalación de máis de 1.000 metros de colector e outros 300 máis para un novo bombeo, co que poder impulsar as augas ata o punto máis elevado de Caamaño.

Tamén se levaron a cabo a mellora e ampliación do edificio da EDAR para que teña un adecuado funcionamento, actuando na liña de augas e na de fangos, e coas instalacións necesarias para que os veciños de Xuño e Caamaño poidan conectarse á rede de saneamento con todas as garantías.

Na xuntanza de hoxe a conselleira e o rexedor tamén trataron as obras que se realizarán na EDAR do Concello, que explota Augas de Galicia. Estes traballos, que veñen de ser adxudicados, centraranse na mellora dos sistemas de xestión telemática no control do efluente da depuradora.

Ademais no encontro abordaron a solución definitiva para dotar de saneamento aos núcleos de Queiruga e San Pedro, que pasa pola construción dunha nova depuradora nas inmediacións do río Maior, completando así as actuacións en infraestruturas da vertente costeira do sur deste municipio.