Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta pon en valor os avances na tramitación da Lei de garantía de abastecemento para mellorar o subministro de auga e establecer anticipadamente as actuacións en periodo de seca

A directora destaca o traballo de Augas de Galicia para conseguir adaptar a xestión da auga ao novo contexto climático e a súa colaboración permanente nas competencias dos concellos para garantir o abastecemento de auga á poboación

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2019.- A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, puxo hoxe en valor os avances na tramitación da Lei de Garantía de abastecemento para mellorar o funcionamento dos sistemas de subministro de auga, e establecer anticipadamente o procedemento e as actuación nos que o consumo de auga poida entrañar un risco para a poboación nun posible período de seca.

Na súa intervención hoxe na Comisión 2ª do Parlamento incidiu na importancia do proxecto de Lei de medidas de Garantía do Abastecemento en episodios de seca e en situacións de risco sanitario, para tentar blindar e garantir os servizos de subministración de auga á poboación e coordinar de xeito responsable a coordinación dos Concellos.

Fixo fincapé en que o organismo hidráulico da Xunta segue a traballar no marco das súas competencias para conseguir adaptar a xestión da auga ao novo contexto climático. Para isto, está a desenvolver proxectos normativos como este proxecto de Lei de Garantía do Abastecemento ou ordes de axuda como a aprobada pola Xunta o pasado 24 de xuño, de apoio aos concellos para a elaboración dos plans de emerxencia que lles permitan garantir o abastecemento de auga á poboación.

Defendeu a labor da Xunta en apoio constante ás entidades locais, tanto técnica como financeira, a través das distintas axudas aos Concellos, e referiuse tamén a iniciativas como o Pacto Local para intentar avanzar na eficiencia da prestación dos servicios competencia dos Concellos.

A directora detallou ademais o traballo e o esforzo realizado pola Administración hidráulica para dotarse dunha regulación propia en materia de augas, para adaptala a realidade de Galicia. E falou tamén do desenvolvemento da planificación hidrolóxica e da planificación do novo período 2021-2027, e tamén do Plan de Xestión de Riscos de Inundacións da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa.