Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta e a Universidade da Coruña asinan o convenio para desenvolver o proxecto de cooperación 'AquaMoz' para mellorar a xestión das inundacións e as secas en Mozambique

Trátase de desenvolver un plan de acción para fortalecer á administración de augas da rexión sur de Mozambique e estender, en fases posteriores, os resultados a outras zonas do país

O proxecto intercambia o coñecemento e a experiencia de Augas de Galicia e dos profesionais e estudos do grupo de investigación hidráulica da Universidade da Coruña

O acordo dispón dun orzamento de 175.000 euros que permitirá o emprego de tecnoloxías e metodoloxías que se adapten á realidade do país africano para mellorar o control dos eventos de seca

A Coruña, 27 de setembro de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo e o presidente do Padroado da Fundación da Universidade da Coruña, José María Barja, asinaron hoxe o convenio para desenvolver o proxecto de cooperación AquaMoz para mellorar a xestión das inundacións e as secas en Mozambique.

Este acto tamén contou coa presenza e a intervención do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde.

Vázquez Mourelle explicou que o convenio se centrará en desenvolver un plan de acción para fortalecer á administración de augas da rexión sur de Mozambique, pero en fases posteriores estenderanse os resultados obtidos a outras zonas do país ademais de contemplar actuacións para axudar á administración do Norte na xestión dos encoros.

Precisou que este proxecto axuda ás administracións rexionais de Augas (ARAs) deste país na súa planificación e xestión dos recursos hídricos en eventos de seca, intercambiando o coñecemento de Augas de Galicia e dos profesionais e estudos do grupo de investigación hidráulica da Universidade da Coruña.

O acordo conta cun orzamento de 175.000 euros que permitirá o emprego de tecnoloxías e metodoloxías que se adapten á realidade do país africano co obxectivo de mellorar o control dos eventos de seca.

A conselleira indicou que este traballo conxunto coas institucións con competencia na xestión de recursos hídricos de Galicia e Mozambique permitiu ter un profundo coñecemento da problemática da xestión da auga no país africano, convertendo á Administración autonómica nun importante axente de cooperación internacional.

Concretou que esta iniciativa tamén amosa que este modelo de cooperación vinculado á xestión da auga é exportable a países en desenvolvemento.

Engadiu que tamén se reforza o compromiso da Xunta para a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 relacionados coa auga.