Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta lamenta o retraso no estudo de alternativas para o abastecemento de auga en Vigo e a necesidade de tramitar novamente o convenio para financialo

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil vén de comunicar a necesidade de asinar unha addenda ao acordo de colaboración coa Xunta e o Concello de Vigo

Ese organismo estatal aínda non iniciou a contratación do estudo e cómpre reaxustar os gastos anuais, xa que en 2019 non vai ser posible comezar os traballos

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2019.- A Xunta de Galicia lamenta o retraso que está a sufrir o estudo de alternativas destinado a procurar a mellor solución para garantir a longo prazo o abastecemento de auga en Vigo e o sur da provincia de Pontevedra.

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, vén de comunicar a necesidade de tramitar novamente o convenio de colaboración polo que a Xunta, o Concello de Vigo e o organismo hidráulico estatal se comprometeron a financiar ese estudo a partes iguais.

No convenio asinado, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil asumía a responsabilidade de licitar o estudo, pero a día de hoxe ese procedemento de contratación non está iniciado. Tal e como apunta a entidade, esta situación evidencia que neste ano non se van iniciar os traballos e, polo tanto, non se van poder executar as contías recollidas no convenio como anualidade de 2019.

Por ese motivo, a Xunta, o Concello de Vigo e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil deberán modificar o convenio e volver a tramitalo e asinalo.

A Xunta, o Concello de Vigo, o Ministerio para a Transición Ecolóxica acordaron o 26 de outubro de 2018 procurar conxuntamente a mellor solución para garantir o abastecemento de auga no sur da provincia de Pontevedra a longo prazo, unha vez evidenciados problemas estruturais no sistema durante o episodio de seca de 2017.

Ese acordo, proposto pola Xunta, quedou finalmente plasmado nun convenio de colaboración entre as tres administracións asinado o pasado mes de abril, no que o Goberno de España asumía o deber de licitar o estudo. Transcorridos varios meses sen novidades, a Xunta solicitou a convocatoria da comisión técnica do convenio, que se reuniu o pasado mes de xullo e acordou os termos do prego de contratación.

Sen embargo, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil non iniciou aínda o procedemento de contratación e o retraso obriga a tramitar unha addenda ao convenio asinado.