Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza en tres ríos ao seu paso polos concellos de Ames e Vedra

Augas de Galicia inicia estes traballos nos treitos interurbanos dos rios no seu percorrido polas parroquias de San Xoán de Ortoño, Santa Cruz de Ribadulla e A Ponte Ulla

As intervencións forman parte das tarefas de Augas de Galicia de mantemento de tramos en áreas con risco potencial de inundacións, e inclúen a retirada de árbores mortas e elementos que susceptibles de causar atoamentos

Os traballos enmárcanse no mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito da zona Galicia Centro

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade perseguen a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, inicia actuacións de limpeza e conservación no río Sar, ao seu paso polo concello de Ames, e no rego Pazo e un río innominado, no municipio de Vedra.

No Concello de Ames a actuación no río Sar estenderanse ao longo dun tramo de case 300 metros ao seu paso pola parroquia de San Xoán de Ortoño, no lugar de Bertamiráns. No municipio de Vedra, intervirase nun tramo de máis de 1,1 quilómetro do rego Pazos no seu percorrido polas parroquias de Santa Cruz de Ribadulla e A Ponte Ulla, e tamén nun treito de máis de 200 metros dun rego innominado.

Estes traballos lévanse a cabo nos treitos interurbanos destes tres ríos e forman parte dos traballos de mantemento de tramos en Áreas con Risco Potencial Significativo de Inundacións (ARPSIs), centrándose na retirada de árbores mortas e madeira acumulada, así como elementos susceptibles de causar atoamentos, así como rozas selectivas puntuais. Unha vez finalizadas estas actuacións, os tres regos e o río quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia- Costa, no ámbito territorial da zona Galicia Norte e as súas zonas de acceso e protección.

Mediante este tipo de actuación, o organismo hidráulico da Xunta ten como obxectivo a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.