Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez avanza o remate en outubro da mellora do sistema de abastecemento de Outeiro de Rei, cun investimento de 600.000 euros, para reforzar o subministro de auga aos veciños

Vázquez Mourelle explica que os traballos están moi avanzados, o que permitirá adiantar a finalización das obras con respecto aos prazos previstos inicialmente, que marcaban o final cara finais de ano

Subliña que esta actuación quedará preparada para dar servizo a unha poboación de preto de 1.500 habitantes cunha dotación de 200 l/día no horizonte do ano 2046

Precisa que o sistema garantirá que os veciños poidan ter auga en cantidade e calidade para satisfacer as súas demandas, ao igual que as empresas que se asenten no parque empresarial da Matela ou a cabana gandeira da zona.

Os traballos que se están acometendo permiten ampliar o sistema, ao conectar a rede de distribución actual -que se alimenta dunha tubaxe que vai desde o polígono industrial- coa que se abastece da propia ETAP

A conselleira indica que a Xunta apoia aos concellos no desenvolvemento das súas competencias de prestación do servizo público de abastecemento

Salienta que as deputacións deben apoiar aos concellos nesta materia, sobre todo aos máis pequenos, como marca a lexislación básica estatal

Outeiro de Rei (Lugo), 6 de setembro de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, supervisou hoxe as obras de mellora do sistema de abastecemento de Outeiro de Rei, cuxo remate se adiantará ao vindeiro mes de outubro, tras o investimento duns 600.000 euros.

Vázquez Mourelle explicou que os traballos, iniciados a mediados de xuño, están a pleno rendemento e a día de hoxe o grao de execución aproxímase ao 80 %, o que permitirá adiantar a finalización das obras con respecto aos prazos previstos inicialmente, que marcaban o final cara finais de ano.

Indicou que a día de hoxe está finalizada a perforación e xa se introduciu a canalización na perforación dirixida no cruce do río Miño e se levou a cabo a reciclaxe de lodos provocados por estas intervencións. Engadiu que agora mesmo se está a traballar nas canalizacións.

Puntualizou que unha vez feito isto, restará a fase final da obra, de asfaltado, reposición de firmes e limpeza, para poder poñela en servizo, unha vez realizadas a desinfección e as probas de presión e estanqueidade preceptivas.

Subliñou que esta actuación, cofinanciada con fondos europeos, quedará preparada para dar servizo a unha poboación de preto de 1.500 habitantes cunha dotación de 200 l/día no horizonte do ano 2046.

Precisou que o sistema garantirá que os veciños de Outeiro de Rei poidan ter auga en cantidade e calidade para satisfacer as súas demandas, ao igual que as empresas que se asenten no parque empresarial da Matela ou a cabana gandeira da zona.

Na actualidade, Outeiro de Rei conta cunha estación de tratamento de auga potable que foi ampliada en dúas ocasións para aumentar a súa capacidade; e con dous depósitos de cabeceira cunha capacidade global de 3.700 m³.

Neste sentido, estes traballos que se están levando a cabo permiten ampliar a rede, ao conectar a rede de distribución actual -que se alimenta dunha tubaxe que vai desde o polígono industrial- coa que se abastece da propia ETAP.

Para iso, estase a construír un ramal principal, cunha lonxitude de algo máis de 3 km de tubaxe. Leva dous cruzamentos subterráneos: no río Miño e na estrada N-VI, que se realizan mediante perforación dirixida. Este sistema de execución permite mínimas afeccións, xa que se pode cruzar o río sen deteriorar o seu leito, polo que hai un máximo coidado e respecto ao medio na execución das obras.

O Goberno galego vén apoiando aos concellos no desenvolvemento das súas competencias municipais de prestación do servizo público de abastecemento, investindo en infraestruturas hidráulicas que aseguran o subministro de auga á poboación.

A conselleira destacou a necesaria implicación e o traballo conxunto de todas as administracións. Así, precisou que a Xunta está apoiando a todos os municipios, pero tamén as deputacións deben exercer a súa responsabilidade de apoio local, sobre todo aos máis pequenos, como marca a lexislación básica estatal.