Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta publica no DOG a formalización do encargo á empresa Tragsa dos servizos de explotación, mantemento e conservación da depuradora do Grove

O Consello da Xunta autorizara en xullo a intervención e asunción temporal por Augas de Galicia da xestión desta depuradora ao longo dun ano para garantir o servizo axeitado de depuración e preservar a calidade das augas da ría de Arousa

Trátase de atender as instalacións desta planta ante o risco de contaminación que supón a desatención, por parte do Concello, das súas competencias no mantemento e explotación da EDAR

Augas de Galicia realizou dous requirimentos ao Concello do Grove para a asunción da xestión da infraestrutura hidráulica, que foi rexeitada

O Goberno galego investiu preto de 7 millóns de euros na execución desta instalación para que o municipio exercese as súas competencias de depuración

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se formaliza o encargo á Empresa de Transformación Agraria (Tragsa) dos servizos de explotación, mantemento e conservación da estación depuradora de augas residuais do Grove.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa á resolución: https://bit.ly/2lFe46p

O Consello da Xunta autorizara no mes de xullo a intervención e asunción temporal por Augas de Galicia da xestión e explotación desta depuradora ao longo dun ano para garantir o servizo axeitado de depuración e preservar a calidade das augas da ría de Arousa.

Trátase de atender as instalacións ante o risco de contaminación que supón a desatención, por parte do Concello, das súas competencias no mantemento e explotación da EDAR.

O Executivo autonómico asume así a xestión desta infraestrutura durante os vindeiros 12 meses, cun importe de explotación que ascende a 495.635,83 euros e que serán repercutidos á Administración local.

A intervención do servizo remataría no suposto de que o Concello asuma o seu deber en relación coa prestación do servizo de depuración, encargándose de xeito efectivo da xestión e explotación da EDAR.

Non obstante, Augas de Galicia, realizou dous requirimentos á Administración local para a asunción da xestión da infraestrutura hidráulica, que foi rexeitada, polo que actualmente o procedemento se desenvolve por vía xudicial.

Cómpre lembrar que o Goberno galego investiu preto de 7 millóns de euros na execución desta instalación para que o municipio exercese as súas competencias de depuración.