Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta remata as obras de dotación de saneamento nos núcleos de Filgueira, Seixido e Servia, no Concello de Lousame, cun investimento de máis de 137.000 euros

O Goberno galego entregoulle hoxe ao Concello de Lousame estas actuacións, que veñen de rematarse

A Consellería de Infraestruturas, a través destas obras, proporcionaralles aos veciños un sistema de depuración axeitado, do que carecían ata o momento

Os traballos consistiron na construción de tres novos tramos de colectores para conectar as vivendas da zona coa rede existente

Tamén se instalaron arquetas de separación de grosos con reixa manual e arquetas de inspección e toma de mostras

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de rematar as obras de saneamento nos núcleos de Filgueira, Seixido e Servia, que hoxe foron entregadas ao Concello de Lousame.

Esta actuación, cun investimento de máis de 137.000 euros, consistiu na dotación de servizos de saneamento a estes núcleos, na parroquia de San Xoán de Lousame, que non dispoñían destas infraestruturas hidráulicas.

Para conectar as vivendas da zona coa rede existente levouse a cabo a execución de tres novos tramos de colectores. A nova rede ten unha lonxitude aproximada de 1.054,1 metros.

A rede remata nun sistema de depuración para uns 105 habitantes, prefabricado en poliéster e reforzado con fibra de vidro de volume duns 31.500 litros.

Tamén se instalaron arquetas de separación de grosos con reixa manual e arquetas de inspección e toma de mostras.

Cómpre lembrar que esta obra está cofinanciada con fondos europeos do programa operativo FEDER 2014/2020.