Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Sar e Sarela, e no rego de Vilar e de Porto Marelo, ao seu paso polo concello de Santiago

Os traballos céntranse na retirada de árbores mortas e madeira acumulada, así como de elementos susceptibles de provocar atoamentos no leito, e a roza selectiva de matogueira

A actuacións enmárcanse no mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia- Costa, no ámbito territorial da zona Galicia Centro , que desenvolve o Goberno galego

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executa actuacións de limpeza e conservación nos ríos Sar e Sarela, así como no Rego de Vilar e de Porto Marelo, ao seu paso polo Concello de Santiago.

Estes traballos de mantemento levaranse a cabo nos treitos interurbanos deste ríos ao seu paso polas parroquias de Conxo, Vista Alegre, Santiago de Compostela N.U, San Paio, Villestro, Laraño, O Castiñeiro e Vidán.

As obras centraranse na retirada de árbores mortas e madeira acumulada, así como elementos susceptibles de provocar atoamentos no leito, e a roza selectiva de matogueira. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Estas accións se enmarcan no programa de mantemento de Augas de Galicia, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia- Costa, no ámbito territorial da zona Galicia Centro e as súas zonas de acceso e protección.

O organismo hidráulico da Xunta continua intervindo nos treitos interurbanos, xa que este tipo de traballos permiten a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.