Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta realizará unha radiografía completa do sistema de saneamento de Noia para optimizar o seu funcionamento e acadar a mellora integral da calidade das augas da ría

Augas de Galicia iniciará este mes os traballos recentemente adxudicados por importe de 201.000 euros, logo de que os estudos previos confirmasen a conveniencia de elaborar un Plan director para o saneamento de Noia

Trátase dunha iniciativa enmarcada no proxecto europeo Aquamundam dentro do Interreg de cooperación transfronteiriza

O traballo ten un prazo de execución de 10 meses polo que antes do vindeiro verán a Xunta e o Concello de Noia disporán dun coñecemento exhaustivo do sistema de saneamento e das actuacións necesarias

A conselleira lembra o investimento de 43 millóns de euros no saneamento da ría de Noia e a colaboración actual con este muncipio para a mellora da depuradora, para o que a Xunta achega 150.000 euros

Apunta a necesidade de explotar e manter de forma axeitada as infraestruturas como requisito imprescindible para o seu correcto funcionamento

Noia (A Coruña), 24 de xullo de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade anunciou hoxe o inicio da redacción do Plan director de saneamento de Noia, recentemente adxudicado por un importe de 201.000 euros. O obxectivo deste traballo é realizar unha radiografía completa do sistema de saneamento deste municipio para planificar, a continuación, as actuacións necesarias para optimizar o seu funcionamento e acadar unha mellora integral da calidade das augas da ría.

Ethel Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantivo hoxe un encontro de traballo co alcalde, Santiago Freire, ao que informou dos avances nesta iniciativa.

Na xuntanza abordaron as obras que se están a desenvolver na estación depuradora de augas residuais de Noia, en virtude dun convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello, polo que a Xunta está a investir 150.000 euros para contribuír á mellora do funcionamento da infraestrutura. Os traballos, que executa a Administración local, teñen por finalidade solucionar os problemas derivados da climatoloxía adversa, que afectou á instalación, ademais de mellorar o funcionamento dos bombeos e dos equipos de depuración.

A conselleira puxo en valor o esforzo xa realizado polo Goberno galego para a mellora da calidade das augas da ría de Noia, a través de investimentos autonómicos que acadan case os 43 millóns de euros. Iso permitiu pór en servizo as depuradoras das principais aglomeracións urbanas da ría: Muros, Porto do Son e Esteiro, ademais da mellora da rede de colectores de Noia.

Ethel Vázquez declarou que, grazas a este tipo de actuacións impulsadas pola Xunta, hoxe o 90% das aglomeracións urbanas galegas cumpren a directiva europea de depuración, fronte ao 50% de hai 10 anos.

Trátase, apuntou, dun paso de xigante que cómpre completar con iniciativas como a que hoxe presentou no Concello de Noia, de elaboración dun Plan director de saneamento do municipio. Trátase dun programa enmarcado no proxecto europeo Aquamundam dentro do Interreg de cooperación transfronteiriza, que busca a mellora ambiental a través dunha xestión máis eficaz do ciclo da auga.

Nese contexto, explicou a conselleira que o Goberno galego comezará a redactar este mes o Plan de saneamento que busca proporcionar un coñecemento real e exhaustivo das deficiencias existentes, estruturais e de explotación das redes para propoñer logo as solucións que minimicen o vertido ao mar.

Ethel Vázquez detallou que xa se realizaron os estudos previos de caudais e de diagnose inicial, que confirmaron a oportunidade de elaboración do Plan director, e que agora toca realizar a “radiografía completa” das redes de saneamento e propor as solucións para acadar a solución definitiva dos problemas de saneamento de Noia.

Trátase dun traballo cun prazo de execución de 10 meses, o que significa que antes do vindeiro verán a Xunta e o Concello de Noia disporán dun coñecemento exhaustivo do sistema de saneamento e das actuacións necesarias, coa fin de programar os investimentos necesarios para acadar o saneamento integral da ría.

Ademais, apuntou a necesidade de explotar e manter de forma axeitada as infraestruturas como requisito imprescindible para o seu correcto funcionamento.