Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

As analíticas volven descartar a presenza de toxina na auga do encoro da Baxe, en Caldas

Ata o de agora nunca se ten detectado a presenza de toxina na auga deste encoro

Cando se produce a proliferación de algas a Xunta activa un protocolo de seguimento que intensifica os controles coa fin de detectar a posible aparición de toxina, o que nunca se ten producido

O Goberno galego ten activas varias liñas de traballo destinadas a tratar de reducir a aparición de algas no encoro

A pesar de ser unha infraestrutura municipal, será a Administración autonómica a que acometa nos vindeiros meses unha mellora na depuradora de Paradivas, que o Concello de Caldas mantén inoperativa, coas consecuencias negativas que iso ten para auga do encoro

O Consello da Xunta aprobou onte un novo convenio co Concello de Caldas polo que este municipio recibe desde 2001 unha cantidade anual de diñeiro en compensación polo aproveitamento do encoro

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2019.- As analíticas realizadas polo Laboratorio de Saúde Pública de Galicia descartan, novamente, a presenza de toxina na auga do encoro da Baxe, no concello de Caldas, no que segue sen existir microcistina.

O Laboratorio de Saúde Pública de Galicia emitiu hoxe o informe sobre as mostras tomadas esta semana, coincidindo coa activación do protocolo de seguimento pola proliferación de cianobacterias, unha alga denominada “microcystis”.

A proliferación destas algas, habitual na época estival nos encoros, motiva a activación, por parte do Goberno galego dun protocolo de seguimento no que se intensifican os controis e no que participan Augas de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente e a Consellería de Sanidade.

O obxectivo dese protocolo de especial seguimento é detectar a posible aparición de toxina derivada das cianobacterias, o que ata o momento non se ten producido nunca no encoro da Baxe, en Caldas.

A pesar de descartarse os riscos sanitarios asociados á auga do encoro do Umia, a Xunta ten activas varias liñas de traballo destinadas a tratar de frear os episodios de proliferación de cianobacterias.


Así, por unha banda, prevé acometer nos vindeiros meses unha mellora na depuradora de Paradivas, a pesar de que se trata dunha infraestrutura de titularidade municipal destinada ao exercicio dunha competencia exclusivamente municipal.

O Concello de Caldas, responsable da xestión desta depuradora, mantena inactiva, coas consecuencias negativas que iso ten para a calidade das augas do encoro.

Ademais, a Xunta de Galicia traballa pola restauración do bosque de ribeira do río Umia, coa fin de frear a chegada ao encoro de materia orgánica con nutrintes procedente dos campos de cultivo.

Xunto con isto, o Consello da Xunta aprobou onte un novo convenio co Concello de Caldas polo que este municipio recibe desde 2001 unha cantidade anual de diñeiro en compensación polo aproveitamento do encoro.