Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez garante que a Xunta licitará as obras de mellora da depuradora de Viveiro, cun investimento de 3,9 millóns de euros, en canto o Concello traslade a aprobación do proxecto

Incide en que se o Concello é áxil na súa tramitación e asume as súas responsabilidades, a Xunta seguirá a facer todos os esforzos para adiantar prazos e avanzar na mellora da calidade da auga e acadar o saneamento integral da ría

Asegura que o Concello é o principal responsable dos problemas de saneamento da ría, pois nin xestiona axeitadamente as infraestruturas, nin acomete as obras de mellora nin facilita os trámites necesarios para que o faga a Xunta

Destaca que a Xunta está a impulsar dúas actuacións de responsabilidade municipal para progresar no saneamento da ría, un novo emisario submarino e a mellora da depuradora de augas residuais

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, garantiu esta tarde no Parlamento que a Xunta iniciará a contratación das obras de mellora da depuradora municipal de Viveiro, cun investimento autonómico de 3,9 millóns de euros, en canto o Concello remita a aprobación deste proxecto.

A conselleira remarcou así a disposición e implicación da Xunta para achegar solucións e poder avanzar na mellora do saneamento do municipio lucense. E asegurou que se o Concello de Viveiro é áxil na súa tramitación e asume as súas responsabilidades, a Xunta seguirá a facer todos os esforzos para tratar de adiantar prazos e avanzar na mellora da calidade da auga da ría de Viveiro, de cara a acadar o saneamento integral da ría.

Asegurou que o Concello é o principal responsable dos problemas de saneamento da ría, pois nin xestiona axeitadamente as infraestruturas, nin acomete as obras de mellora nin facilita os trámites necesarios para que o faga a Xunta.

A conselleira lembrou que para progresar na mellora do saneamento da ría de Viveiro, o departamento que dirixe está a impulsar dúas actuacións que supoñen un investimento de 7 millóns de euros, a execución dun novo emisario submarino e a mellora da estación depuradora de augas residuais, para incrementar a capacidade e o grao de depuración previo ao emisario de todas as augas de Viveiro

Dúas actuacións, engadiu, que pese a ser responsabilidade municipal, se están a impulsar desde a Xunta de Galicia de cara a conseguir que Viveiro e Celeiro poidan depurar as súas augas residuais conforme ás normativas vixente.

Sinalou que o Goberno galego está a facer moito máis do que lle corresponde e vai acometer a retirada da parte non soterrada do actual emisario submarino porque o Concello non é capaz de asumir esa tarefa.

Por iso expresou a necesidade da implicación e a colaboración do Concello de Viveiro, porque se está a falar de competencias e de infraestruturas municipais das que non se poden desentender como se están desentendendo, dixo

A conselleira concluíu apelando á aposta clara e absoluta da Xunta polo saneamento das rías galegas e reafirmou a continua colaboración que a Xunta vén mantendo cos concellos, que está a traballar de maneira constante co obxectivo de cumprir coas normativas europeas e lograr o saneamento integral das rías e, por suposto, así se está a facer tamén en Viveiro.