Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta activa o protocolo de seguimento no encoro do Umia, en Caldas de Reis, ante a proliferación de cianobacterias

Este control estrito permitiría detectar a aparición de toxina no caso de que esta alga denominada microcystis derivase nela, actuando dun xeito máis eficiente

Cómpre lembrar que ata agora nunca se ten detectado a presenza de toxina na auga deste encoro

Neste protocolo o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia realiza mostraxes periódicas para seguir a evolución das proliferacións, comunicando os datos a Augas de Galicia, así como o final do episodio cando a situación remite

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de activar o protocolo de seguimento no encoro do Umia ante a proliferación de cianobacterias.

Este sistema de control estrito que vén de establecer a Xunta permitiría detectar a aparición de toxina no caso de que esta alga denominada microcystis derivase nela, actuando dun xeito máis eficiente. Non obstante, cómpre lembrar que ata agora nunca se ten detectado a presenza de toxina na auga deste encoro.

Cando se detecta o estado de alerta actívanse as comunicacións entre Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia e Augas de Galicia, que a súa vez se coordina coa Consellería de Sanidade e as empresas xestoras do abastecemento.

Este protocolo contempla a realización de mostraxes periódicas para seguir a evolución das proliferacións, comunicando a Augas de Galicia a información necesaria, así como o final do episodio cando a situación remite.

No que se refire ás augas de entrada e saída das estacións de tratamento de auga potable, a Consellería de Sanidade tamén intensifica o control das augas para a activación de medidas alternativas de abastecemento no caso de ser necesarias.

A Xunta, ademais deste seguimento, está a traballar nas causas que poden estar detrás da aparición das algas e vai acometer unha mellora da depuradora de Paradivas para optimizar o tratamento e diminuír a chegada de nutrientes ao encoro.