Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica os traballos de revisión e adaptación do proxecto de saneamento integral de Ribadetea ao novo plan director de Ponteareas, cun investimento de máis de 14.000 euros

Augas de Galicia impulsa este contrato no marco do comprometido co Concello e os veciños de adaptación da programación deste proxecto de saneamento, cun investimento de máis de 3,5 millóns de euros, e supeditado á ampliación da EDAR

Este proxecto foi redactado por Augas de Galicia pero a súa execución quedou postergada pola negativa da Confederación Hidrográfica a autorizar as obras sen executar antes a ampliación da estación depuradora, de competencia estatal

A administración hidráulica da Xunta leva investido 5,1 millóns de euros en actuacións como a ETAP de Ponteareas, o saneamento de Areas, Arnoso e Xinzo, os colectores de pluviais no barrio das Covas ou a senda fluvial do río Tea

A Consellería de Infraestruturas dentro das súas competencias avanza na súa colaboración coa entidade local para o desenvolvemento mais eficaz das atribucións municipais en subministro de auga e tratamento de augas residuais

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar os traballos para a adaptación da programación de actuacións de saneamento en Ribadetea ao plan director de saneamento municipal e ás obras proxectadas e executadas nesa parroquia do Concello de Ponteareas.

Estes traballos foron adxudicados á empresa Serye Ingenieros, S.L. e dispoñen dun orzamento de máis de 14.000 euros.

O organismo hidráulico da Xunta impulsa este contrato no marco do comprometido co concello e os veciños deste municipio de revisión e actualización do proxecto de saneamento na parroquia de Ribadetea, cun investimento de máis de 3,5 millóns de euros, que está supeditado a ampliación da EDAR.

Antecedentes

Neste ámbito de cooperación, o concello ten solicitado a Augas de Galicia a redacción e execución da actuación de saneamento na parroquia de Ribadetea, cun orzamento de máis de 3,5 millóns de euros. Este proxecto foi redactado por Augas de Galicia pero a súa execución quedou postergada pola negativa da Confederación Hidrográfica a autorizar as obras sen executar antes a ampliación da EDAR que carecía de capacidade suficiente para aceptar novas conexións.

Con este contrato se da resposta á solicitude realizada polo Concello e os veciños de Ribadetea de revisar e actualizar o citado proxecto para adaptalo á realidade actual da parroquia e ao novo Plan Director Municipal. Actuación que, en todo caso, estará supeditada á execución da 1ª fase da ampliación e mellora da Estación depuradora de augas residuais de Ponteareas, de competencia estatal.

Cómpre lembrar que Augas de Galicia, ademais desta actuación cuxa realización está supeditada á execución da obra da EDAR, leva investido nestes últimos anos preto de 5,1 millóns de euros en infraestruturas hidráulicas. Entre as obras realizadas pola Xunta, e xa rematadas, destacan a ETAP de Ponteareas, as distintas fases de saneamento nas parroquias de Areas, Arnoso e Xinzo, os colectores de pluviais no barrio das Covas ou a senda fluvial pola marxe dereita do río Tea, nos concellos de Mondariz e Ponteareas.

Deste xeito, Augas de Galicia, dentro das súas competencias en apoio das entidades locais, segue avanzando na súa colaboración do concello pontevedrés para o desenvolvemento mais eficaz das atribucións dos propios municipios en materia de subministro de auga, sumidoiros, e tratamento de augas residuais.