Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica o servizo de explotación e mantemento da presa do Con, en Vilagarcía de Arousa, cun investimento de máis de 190.000 euros

O contrato ten como obxectivos a explotación, conservación e mantemento de todos os dispositivos de control, órganos de desaugue, accesos e demais instalacións, equipos auxiliares e sistemas de comunicación

A citada presa encora as augas do río Con e está situada no concello de Vilagarcía de Arousa, no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa

Este encoro reforza o sistema de abastecemento municipal, subministrando parte da auga que a súa poboación demanda anualmente

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar o servizo de explotación e mantemento da presa do Con, en Vilagarcía de Arousa, por un importe superior aos 190.000 euros.

Os traballos serán executados pola empresa adxudicataria Espina & Delfín, SL, que se ocupará así de conservar e manter a presa do Con e os seus equipos e instalacións, e de realizar a explotación, conservación e mantemento de todos os dispositivos de control, órganos de desaugue, accesos e demais instalacións, equipos auxiliares e sistemas de comunicación. O contrato ten un prazo de execución de 24 meses.

A citada presa encora as augas do río Con e está situada no concello de Vilagarcía de Arousa, no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa. Ten unha altura sobre cimentos de 16 metros e un volume encorado de 0,26 Hm3.

Este encoro reforza o sistema de abastecemento municipal, subministrando parte da auga que a súa poboación demanda anualmente.

Esta infraestrutura é explotada pola Xunta, a través de Augas de Galicia, apoiando ao Concello no desenvolvemento das súa competencia de prestación do servizo municipal de abastecemento na vila arousana.

Deste xeito, debido á asunción por parte da Xunta destas tarefas de mantemento e explotación da presa do Con, o Concello de Vilagarcía de Arousa como titular do abastecemento de auga no municipio, debe aboarlle á Administración autonómica o canon de regulación previsto pola Lei para asumir os gastos do encoro.

A Xunta vén de adxudicar tamén un contrato similar para a explotación e o mantemento da presa do Concello de Baiona. E tamén prevé licitar un contrato semellante para a presa de Eiras, en Vigo, no caso de que o Concello desta cidade, titular do sistema de abastecemento rexeite asinar o convenio coa Xunta para asumir estas tarefas e evitar así o pago do canon de regulación previsto na lei.