Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez destaca que Galicia acadou en 10 anos capacidade para depurar as augas de 3,3 millóns de habitantes e sinala o desafío de completar e xestionar axeitadamente os sistemas

A conselleira pon en valor o gran esforzo investidor realizado pola Xunta desde 2009 en materia de augas, con 1.100 millóns de euros mobilizados en obras de saneamento e abastecemento

Augas de Galicia executou 350 actuacións de saneamento que beneficiaron a 165 concellos e conseguiu mellorar en 10 puntos a porcentaxe de augas das rías en bo estado, chegando ao 76%

Apunta a necesidade de que os concellos e as deputacións provinciais se impliquen coa Xunta na correcta explotación dos sistemas de saneamento e depuración, para exercer correctamente as competencias municipais e garantir o bo funcionamento das infraestruturas

Salienta os traballos en marcha para mellorar o saneamento en Viveiro, Foz, Ferrol e Pontevedra, e o desenvolvemento de novos plans de saneamento local para as rías de Cee e Corcubión, Ares e Betanzos e Noia

Remarca a eficacia da Xunta no control de vertidos, o que permitiu eliminar medio millar de puntos contaminantes, dos cales a meirande parte afectaban ás rías

Avanza o traballo que desenvolve o Goberno galego para contribuír a adaptar a xestión da auga nos concellos ao contexto de cambio climático, que incrementa os riscos de seca e inundacións

A Xunta prevé aprobar proximamente a Lei de garantías de abastecemento para axilizar a resposta en episodios de seca e situacións de risco sanitario

  • A conselleira de Infraestruturas, hoxe, no Parlamento
  • A conselleira de Infraestruturas, hoxe, no Parlamento
  • A conselleira de Infraestruturas, hoxe, no Parlamento
  • A conselleira de Infraestruturas, hoxe, no Parlamento

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade destacou hoxe o salto cualitativo experimentado por Galicia na última década en materia de saneamento, acadando a capacidade para depurar as augas residuais de 3,3 millóns de habitantes equivalentes, fronte aos 1,8 millóns do ano 2009. Sinalou o desafío de completar e xestionar de forma axeitada as infraestruturas hidráulicas construídas, para o que reclamou a imprescindible implicación dos concellos e das deputacións provinciais.

Ethel Vázquez compareceu hoxe a petición propia no Pleno do Parlamento galego para informar da planificación que segue a Xunta para continuar a avanzar na axeitada xestión do ciclo integral da auga, unha materia na que Galicia vén evolucionando de forma moi positiva nos últimos anos.

A conselleira puxo en valor o esforzo investidor realizado pola Xunta en materia de augas, con máis de 1.100 millóns de euros mobilizados en actuacións de abastecemento e saneamento. Segundo dixo, nestes anos, Augas de Galicia executou 350 actuacións de saneamento que beneficiaron a 165 concellos.


Entre esas iniciativas destacan as 45 novas depuradoras construídas, que achegaron capacidade para dar servizo a 1,5 millóns de habitantes equivalentes, o que supón máis da metade da poboación de Galicia.

Puxo como exemplo a depuradora de Lagares, en Vigo, a obra hidráulica máis importante executada nos últimos anos, á que a Xunta achegou 80 millóns de euros. Referiuse tamén ao saneamento de Ribeira, que permitiu cumprir cos requisitos comunitarios, cun investimento de 18M€, así como o saneamento da Ría do Burgo, ao que a Xunta destinou 100 millóns de euros, conseguindo recuperar a actividade marisqueira, pasando de clasificación C a B.

A conselleira demandou que o gran esforzo realizado pola Xunta nesa ría sexa correspondido agora polo Goberno central e teña continuidade coa rexeneración e dragaxe da ría do Burgo, que debe acometer o Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Ethel Vázquez destacou tamén os bos resultados acadados co esforzo realizado, de forma que hoxe o 90% das aglomeracións urbanas cumpren a directiva europea en materia de depuración, fronte ao 50% que se rexistraba no ano 2009.

A mellora ponse de manifesto tamén na mellora experimentada pola calidade das augas: no ano 2009, o estado das augas das rías era bo nun 67% delas, mentres que agora o é no 76% das augas, o que representa un incremento porcentual de case 10 puntos nos últimos anos.

A conselleira afirmou que cómpre seguir avanzando para conseguir o saneamento integral das rías galegas e detallou as actuacións planificadas para conseguilo. Referiuse así á próxima licitación das obras de mellora da depuradora de Viveiro e á construción dunha nova Edar en Foz, así como ás obras en marcha para o saneamento da enseada da Malata, en Ferrol, na que a Xunta inviste 7 millóns de euros; ou ao proceso iniciado para mellorar a depuradora de Praceres, en Pontevedra, en fase de adxudicación.

Ademais, explicou que a Xunta continúa a apostar polos plans de saneamento local como ferramentas eficaces para acadar a mellora da calidade das augas das rías, e avanzou que se está a traballar xa, ademais de no da ría de Pontevedra, no de Cee e Corcubión, Ares e Betanzos e Noia.

Ethel Vázquez quixo tamén destacar a eficacia da campaña de control de vertidos que desenvolve Augas de Galicia, que permitiu eliminar medio millar de vertidos contaminantes, dos cales a meirande parte afectaban ás rías.

Na súa intervención, a conselleira puxo o acento na necesidade de que os concellos e as deputacións provinciais se impliquen coa Xunta na correcta explotación dos sistemas de saneamento e depuración, para exercer correctamente as competencias municipais e garantir o bo funcionamento das infraestruturas.

Coidado e protección dos ríos

Xunto con isto, a conselleira destacou o intenso traballo que desenvolve Augas de Galicia na xestión, protección e custodia dos ecosistemas fluviais, un labor no que chamou á implicación do conxunto da sociedade.

Co obxectivo de facilitar a implicación cidadá na correcta conservación dos ríos, a Xunta está a ultimar a tramitación dun decreto que facilita a execución de obras menores, entre elas as de conservación e limpeza no dominio público hidráulico.

E lembrou a recente publicación das directrices técnicas de conservación fluvial, para favorecer unha maior coordinación das administracións neste obxectivo, tendo en conta que dos 15.000 quilómetros de ríos da Demarcación Galicia-Costa que xestiona a Xunta, hai 300 quilómetros de treitos urbanos, cuxa conservación lle corresponde aos concellos.

Este labor, sinalou, cobra especial importancia nun momento en que o cambio climático incrementa o risco de inundacións e é preciso garantir o correcto estado de conservación dos ríos para minimizar os perigos á poboación.

Garantir o abastecemento de auga

Precisamente, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade dedicou parte da súa comparecencia a detallar as actuacións que está a desenvolver a Xunta para contribuír a que a xestión da auga por parte dos concellos se adapte ao novo contexto de cambio climático, no que se incrementan os riscos tanto de inundacións como de seca.

Nese marco, avanzou que proximamente, A Xunta prevé aprobar a Lei de garantías de abastecemento de auga, que ten como finalidade axilizar a resposta en episodios de seca e situacións de risco sanitario, un paso máis nun esforzo continuado do Goberno galego por apoiar aos municipios nesta materia.

Así, detallou que desde 2009, Augas de Galicia desenvolveu máis de 300 actuacións en materia de abastecemento que beneficiaron a 186 municipios galegos.

Referiuse á necesidade de que os concellos se doten de instrumentos axeitados para poder xestionar episodios de seca, e subliñou o obxectivo do Goberno galego de continuar a colaborar nese traballo. Por ese motivo, a Xunta convocará proximamente a primeira orde de axudas para que as entidades locais se doten dos seus propios plans de emerxencia fronte á seca.