Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta remitirá o luns ao Concello de Vigo unha proposta de convenio para que Vigo asuma a xestión e o mantemento de Eiras

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, lembra que o Concello de Vigo ten desde hai anos a posibilidade de pasar a ser titular da xestión e o mantemento do encoro, evitando así o pago do canon de regulación existente

Recorda que outros concellos galegos solicitaron a xestión directa, asumindo as obrigas de explotación e, en consecuencia, quedando exentos desta contribución

Reitera que o canon de regulación é unha taxa creada pola lexislación estatal, coa que o Goberno galego repercute unicamente os gastos de control e mantemento

Insiste en que Vigo é o único concello que se nega a aceptar a obriga deste gravame polo que debe xa 3 millóns de euros á Administración autonómica

Vigo, 7 de xuño de 2019.- O delegado da Xunta de Galicia, Ignacio López-Chaves, anunciou hoxe que o vindeiro luns enviarase ao Concello de Vigo unha proposta de convenio, similar á subscrita con outros municipios galegos, para que asuma o mantemento do encoro de Eiras. Segundo dixo, a xestión directa desta infraestrutura hidráulica suporía a exención do canon de regulación existente, co que o Goberno galego unicamente repercute os gastos de explotación e conservación.

Ao fío recordou que, pese a que Vigo capta as súas augas deste encoro negouse sempre a pagar esta contribución, da que sinalou é unha taxa creada pola lexislación estatal en 1985, que a Administración autonómica debe aplicar aos beneficiarios da explotación dos encoros que son da súa titularidade. Asemade, apuntou que Augas de Galicia asume os custos de xestionar e manter no estado axeitado o encoro de Eiras, mentres que o Concello de Vigo cobra tanto aos usuarios como aos concellos beneficiados polo servizo de abastecemento de auga que lles presta a través dunha concesionaria.

Entre os custos que asume Augas de Galicia relacionados co devandito encoro, o representante autonómico detallou a amortización anual da obra de “Mellora e automatización da presa”, cunha inversión de 1,48 millóns de euros, traballos de auscultación e vixilancia, de explotación e mantemento e de control de calidade e seguridade, entre outros gastos de persoal e materiais. “Fíxense ata que punto Augas faise cargo do mantemento que cando se afunde unha bombilla, Aqualia chama e nós reparamóla”, subliñou.

Polo tanto, advertiu que a taxa reclamada á administración municipal de Vigo desde fai anos en concepto de canon de regulación limítase a repercutir os gastos dese labor de mantemento, motivo polo que a Xunta solicítalle ao Concello de Vigo o pago dos 3 millóns de euros que debe desde o 2014, como están a facer outros municipios coma Baiona o Vilagarcía. Así mesmo, referiuse ao caso de Ferrol, que optou pola fórmula da xestión directa do seu encoro, asumindo as obrigas de explotación e, en consecuencia, quedando exento desta contribución. “Caballero, como sempre, négase a todo; a pagar o canon ou asumir a xestión de Eiras”, afirmou tallante.

Por último, reiterou a importancia dunha infraestrutura hidráulica como a de Eiras, que garante un servizo esencial como é o abastecemento da auga a Vigo, polo que dixo “require un mantemento corrector, reparador e preventivo constante e continuo”. Ademais, aclarou que a taxa se lle impón única e exclusivamente ao Concello de Vigo, como titular do sistema de abastecemento, “en ningún caso aos concellos aos que Vigo presta o servizo”.