Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta salienta que a implantación do Plan de Control de Vertidos permitiu nos últimos 5 anos emendar máis de 200 focos contaminantes nas rías galegas

Teresa Gutiérrez lembra que os servizos de saneamento e depuración das aglomeracións urbanas é competencia exclusiva dos concellos e destaca o esforzo da Administración autonómica para acadar unha xestión eficaz e eficiente da auga

Avanza que a Xunta ten planificadas ata 2023 importantes actuacións que permitirán mellorar o saneamento das rías galegas e calidade das súas augas

Sinala que o organismo de conca da Xunta está a actuar a través dos controis de vertidos e calidade das augas, a planificación e execución de infraestruturas de saneamento e depuración, e o seguimento das que están en explotación

Subliña a colaboración cos Concellos no impulso dos Plans de Saneamento Locais, como os xa redactados para as rías do Burgo e Arousa e en elaboración para as de Pontevedra, Noia y Ares-Betanzos y Cee-Corcubión, cun investimento de case 7M€

Cifra o número total de estacións depuradoras explotadas polas entidades locais e controladas por Augas de Galicia en 139 no ano 2018, ás que se engaden as 28 que actualmente explota directamente o organismo hidráulico autonómico

Incide na necesidade de seguir traballando de maneira conxunta no mantemento dos obxectivos para conseguir un bo estado medioambiental das rías, os concellos como principais responsables, a Xunta, as Deputacións, o Estado e os cidadáns

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2019.- A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, salientou hoxe no Parlamento de Galicia as políticas activas da Xunta para acadar o obxectivo de saneamento integral das rías, e puxo como exemplo das mesmas a implantación do Plan de Control de Vertidos, que permitiu nos últimos 5 anos emendar máis de 200 focos contaminantes nas rías galegas.

Teresa Gutiérrez destacou o importante esforzo realizado nos últimos anos pola Xunta para acadar unha xestión eficaz e eficiente da auga e mellorar o saneamento das rías galegas, e lembrou que os servizos de saneamento e depuración das aglomeracións urbanas é competencia exclusiva dos concellos. Isto, engadiu, sen prexuicio de que as Deputacións, a Xunta e o Estado poidan colaborar para acadar ese obxectivo,

Na súa intervención na Comisión 8ª do Parlamento de Galicia explicou que o traballo da Administración autonómico ten permitido dar un salto cualitativo e mellorar a extensión e prestación dos servizos de saneamento e depuración ás poboacións dos municipios galegos e a mellora da calidade da auga das rías. E avanzou que a Xunta de Galicia ten planificadas ata 2023 importantes actuacións de saneamento que permitirán mellorar de forma moi significativa o saneamento das rías galegas.

Segundo explicou, o organismo hidráulico da Xunta está a concentrar as súas actuacións en catro liñas de traballo, o control de vertidos ás rías, o control da calidade das augas das rías, a planificación e execución de infraestruturas de saneamento e depuración, e o seguimento e control das infraestruturas de depuración en explotación.

Xa en detalle, falou do Plan de Control de Vertidos e o valor que está a ter como potente ferramenta de Augas de Galicia para conseguir a emenda efectiva do puntos de vertido, optimizando as funciones de inspección e control dos vertidos ao dominio público hidráulico e desde a terra ao litoral galego, especialmente ás rías de Galicia.

En canto a planificación e execución de infraestruturas de saneamento e depuración, a directora de Augas de Galicia destacou a redacción dos Plans de Saneamento Locais, grazas aos que os Concellos responsables das infraestruturas e do seu mantemento dispoñen ou dispoñerán da programación de actuacións concretas a executar. Neste eido, subliñou o importante esforzo inversor realizado pola Xunta en materia de planificación dos sistemas de saneamento e depuración con estes Plans para as rías do Burgo, Arousa e agora en redacción para as de Pontevedra, Noia y Ares-Betanzos y Cee-Corcubión. A inversión total ronda os 7 millóns de euros.

Tamén abundou nos traballos que se leva a cabo desde Augas de Galicia no control, vixilancia, inspección e asesoramento nas instalacións entregadas ás administracións locais para a súa explotación e nas xa executadas que aínda non teñen sido entregadas. O número total de estacións depuradoras explotadas polas entidades locais e controladas por Augas de Galicia sumaron as 139 no ano 2018, ás que se engaden as 28 que actualmente explota directamente o organismo hidráulico da Xunta en todo o territorio da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

Finalmente Teresa Gutiérrez incidiu na necesidade da colaboración para conseguir un bo estado medioambiental das rías, dos concellos como principais responsables, Xunta, Deputacións, Estado e cidadáns. Todos, subliñou, teñen que ser capaces de mantelo e de traballar de maneira continua neste mantemento dos obxectivos que se van conseguindo. De nada serve investir na planificación e infraestruturas se despois non existe continuidade do traballo realizado, afirmou.