Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta lembra que Augas de Galicia paga pola xestión e o mantemento do encoro de Eiras mentres o Concello de Vigo cobra a usuarios e a concellos polo abastecemento de auga

O canon de regulación é unha taxa creada pola lexislación estatal, que a Xunta debe aplicar aos beneficiarios da explotación e conservación que realiza dos encoros da súa titularidade

A Xunta realiza numerosas tarefas para garantir tanto o bo estado de conservación da presa como a súa seguridade, ademais do control da calidade das augas

A taxa reclamada á administración municipal de Vigo limítase a repercutir os gastos que lle supón á Xunta ese labor de mantemento

O Concello de Vigo ten desde hai anos a posibilidade de firmar un convenio para asumir a xestión do encoro e facerse cargo do seu mantemento, evitando así o pago do canon de regulación

O Concello de Vigo é o único que se nega a aceptar a súa obriga de aboar o canon de regulación dos encoros, creado pola lexislación estatal de augas, e polo que debe xa 3 millóns de euros á Administración autonómica

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2019.- A Xunta de Galicia lembra que Augas de Galicia asume os custos de xestionar e manter no estado axeitado o encoro de Eiras, mentres que o Concello de Vigo cobra tanto aos usuarios como aos concellos beneficiados polo servizo de abastecemento de auga que lles presta a través dunha concesionaria.

Por ese motivo, a Administración autonómica solicítalle ao Concello de Vigo o pago do canon de regulación. Trátase dunha taxa creada pola lexislación estatal en materia de augas que debe aplicarse en Galicia aos beneficiarios da explotación e conservación dos encoros de titularidade da Xunta.

O propio Concello de Vigo realiza tarefas de mantemento e conservación no encoro de Zamáns, mentres que no de Eiras son asumidos pola Xunta.

O Concello de Vigo ten desde hai anos a posibilidade de asinar un convenio coa Xunta para pasar a ser titular da xestión e do mantemento do encoro, evitando así o pago do canon de regulación. O Concello de Vigo rexeitou ata o momento esta posibilidade.

Augas de Galicia realiza numerosas tarefas de control, inspección e mantemento para garantir tanto o bo estado de conservación da presa como a súa seguridade, ademais do control da calidade das augas. A taxa reclamada á administración municipal de Vigo en concepto de canon de regulación limítase a repercutir os gastos dese labor de mantemento.

O Concello de Vigo é o único que se nega a aceptar a súa obriga de aboar o canon de regulación, que a Xunta empezou a aplicar en 2014, e polo que a Administración olívica adeuda xa máis de 3 millóns de euros a Augas de Galicia.