Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza no rego Pinicho, ao seu paso polo concello de Nigrán

Augas de Galicia leva a cabo estes traballos nos treitos interurbanos deste río, situado no núcleo das Telleiras

As obras consisten na retirada de árbores e pólas caídas sobre a canle e as marxes do río, así como da madeira morta existente

As actuacións enmárcanse no mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial de Galicia Sur

As intervencións teñen como obxectivo a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executa actuacións de limpeza e conservación no rego Pinicho, no núcleo das Telleiras, no Concello de Nigrán.

A intervención neste concello pontevedrés realízase nun tramo interurbano duns 130 metros deste rego, ao seu paso pola parroquia de Nigrán.

Estes traballos de mantemento lévanse a cabo nos treitos interurbanos destes ríos e centraranse no desbroce de maleza das marxes e que invade o leito, na retirada das árbores e pólas caídas e da madeira morta existente. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia- Costa, no ámbito territorial da zona Galicia Sur e as súas zonas de acceso e protección.

Mediante este tipo de traballos, a Xunta ten como obxectivo a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.