Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

Augas de Galicia informa ao Concello de Santiago de que a tramitación da autorización de vertido da nova depuradora esixe contar con información técnica sobre o proxecto

Hoxe trasladóuselle aos representantes municipais a mesma información que xa se comunicou a AcuaEs en xaneiro sen que desde entón se presentasen avances na concreción do proxecto

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2019.- A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes do Concello de Santiago na que lles informou de que para solicitar e tramitar a autorización de vertido da nova depuradora da cidade é imprescindible contar con información técnica sobre o proxecto que se vai executar.

Augas de Galicia informou xa en xaneiro ao organismo público estatal AcuaEs sobre o procedemento establecido para a tramitación da autorización de vertido. Dado que o Concello asinou recentemente un convenio de colaboración con esa entidade sobre a nova depuradora, agardábase que na xuntanza de hoxe se presentase algún avance na documentación técnica necesaria. Sen embargo, o Concello limitouse a solicitar información sobre o procedemento sen solicitar o inicio do expediente nin achegar información técnica algunha.

Augas de Galicia ostenta as competencias de organismo de bacía para a Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa. Por esta razón é a administración responsable para outorgar a autorización de vertido necesaria para a nova depuradora de Santiago.

A autorización de vertido é un dos requisito preceptivos dos que deben dispor os promotores da nova depuradora para poder comezar as obras. Non obstante, tal como indica a lei, para iniciar a tramitación desta autorización é necesario que o concello presente toda a documentación técnica previa que permita aos técnicos analizar as condiciones nas que se pretende efectuar tanto o vertido futuro como o vertido durante as distintas fases de construción, co obxectivo de que a afección ao río Sar sexa a menor posible.

Tal como se explicou na reunión aos representantes municipais, o concello pode solicitar a autorización que contemplará requisitos de vertido para cada unha das distintas fases da execución, e uns definitivos de aplicación tras completar integramente as obras. Ademais se aclarou que a autorización de vertido tiña que abarcar a todo o sistema de saneamento e non so á depuradora, polo que se establecerían restricións tamén nos puntos de alivio da rede.

Augas de Galicia ofrece a súa completa colaboración para axilizar ao máximo a tramitación, aínda que continúa amosando preocupación polo retraso das obras. Non obstante é preciso ter en conta que o novo proxecto terá que axustarse aos requisitos mínimos que se definan na futura autorización como resultado da aplicación da lexislación vixente. Perséguese, deste modo, a salvagarda dos ecosistemas do río Sar.