Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza no río Zamáns, no concello de Vigo

Estes traballos de mantemento lévanse a cabo no treito interurbano deste río ao seu paso pola parroquia de Valadares

Os traballos consisten na retirada de árbores e pólas caídas sobre a canle e as marxes do río, así como da madeira morta existente

As actuacións enmárcanse no mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia- Costa, no ámbito territorial da zona Galicia Norte, que desenvolve o Goberno galego

Augas de Galicia continúa traballando na mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executa actuacións de limpeza e conservación no río Zamáns, no Concello de Vigo.

Estes traballos de mantemento lévanse a cabo no treito interurbano deste río ao seu paso pola parroquia de Valadares (Santo André), na entorna do polígono de Zamáns.

As obras céntranse no desbroce de maleza das marxes e que invade o leito, na retirada das árbores e pólas caídas e da madeira morta existente. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

A Xunta desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia- Costa, no ámbito territorial da zona Galicia Norte e as súas zonas de acceso e protección.

Con este tipo de intervencións Augas de Galicia traballa na mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.