Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta asina o convenio sobre o abastecemento de auga a Vigo e o remite ao Concello e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para que licite o estudo de forma inmediata

O Goberno galego impulsou este traballo de análise debido á súa preocupación polos problemas estruturais do sistema que abastece auga á cidade de Vigo e a outros 10 municipios a través dos encoros de Eiras e Zamáns

A Xunta e as outras dúas administracións cofinanciarán a partes iguais os 200.000 euros nos que se estima o custo do estudo técnico

As obras estruturais deban realizarse como solución a longo prazo, sen prexuízo da necesidade urxente de que a concesionaria municipal actúe na potabilizadora para garantir a calidade da auga

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, en calidade de presidenta do ente público Augas de Galicia, asinou hoxe o convenio sobre o abastecemento a Vigo e a zona sur da provincia de Pontevedra. O texto foi remitido de forma inmediata ao Concello de Vigo e tamén á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, co obxectivo de que esta licite o antes posible o estudo obxecto do acordo de colaboración.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade puido asinar o convenio porque xa foi aprobado polo Consello da Xunta e porque Augas de Galicia dispón da partida orzamentaria consignada para cumprir o compromiso económico de cofinanciamento do estudo que asume con este acordo.

Na xuntanza celebrada en Vigo o pasado 26 de outubro, a Xunta de Galicia propuxo a sinatura dun convenio de colaboración entre a Administración autonómica, o Concello e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para realizar conxuntamente un estudo de alternativas para garantir o abastecemento de auga á zona sur da provincia de Pontevedra a longo prazo.

A Xunta impulsou este traballo de análise debido á súa preocupación polos problemas estruturais identificados no sistema que abastece auga á cidade de Vigo e a outros 10 municipios a través dos encoros de Eiras e Zamáns. O último episodio de seca rexistrado no ano 2017 evidenciou a necesidade de acometer actuacións que permitan garantir o abastecemento de auga a longo prazo no novo contexto do cambio climático.

O convenio asinado hoxe pola conselleira de Infraestruturas permitirá realizar un estudo técnico das diferentes alternativas e determinar a proposta máis adecuada de mellora da regulación e almacenamento de auga para solucionar os problemas que presenta o sistema de abastecemento de auga desde os encoros de Eiras e de Zamáns.

O convenio prevé que, a partir das conclusións obtidas neste estudo, se realice o correspondente estudo de impacto ambiental da opción definida como a máis axeitada.

A Xunta e as outras dúas administracións cofinanciarán a partes iguais os 200.000 euros nos que se estima o custo do estudo

Os concellos incluídos nesta área, Vigo, Redondela, Soutomaior, Porriño, Mos, Salceda, Moaña, Cangas, Baiona, Nigrán e Gondomar, abastécense de recursos hídricos tanto da conca Galicia- Costa (encoro de Eiras e encoro de Zamáns) como da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o que xustifica unha actuación conxunta das tres Administracións Públicas.

Esas obras estruturais deban realizarse para garantir o abastecemento en cantidade, sen prexuízo da necesidade urxente de que a concesionaria municipal de Vigo realice as actuacións necesarias para garantir a calidade da auga que trata a estación potabilizadora.

Está acreditado desde polo menos o ano 2011 que a estación potabilizadora do Casal non está en condicións de garantir a calidade da auga cando o encoro de Eiras baixa de certo nivel de ocupación. A finais de 2017 atopábase ao 38%, é dicir, con auga abondo para o subministro á poboación, pero a potabilizadora non podía garantir a súa calidade e o abastecemento viuse seriamente comprometido.