Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

As consellerías de Medio Ambiente e Infraestruturas renovan a colaboración para analizar a calidade da auga en Galicia-Costa

Ángeles Vázquez e Ethel Vázquez asinaron esta mañá un novo convenio mediante o cal ambos departamentos cooperarán na análise e xestión das augas naturais

O Laboratorio de Medio Ambiente encargarase da toma de mostras, de analizalas e de facilitar periodicamente os resultados a Augas de Galicia, organismo competente na materia e que asumirá a dirección técnica das accións a realizar

Para levar a cabo os traballos previstos no marco do acordo, as dúas consellerías comprométense a mobilizar este ano preto de 1,2 millóns de euros

  • As consellerías de Medio Ambiente e Infraestruturas renovan a colaboración para analizar a calidade da auga en Galicia-Costa
  • As consellerías de Medio Ambiente e Infraestruturas renovan a colaboración para analizar a calidade da auga en Galicia-Costa

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2019.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para o desenvolvemento dos traballos de análise e xestión das redes de control necesarios para avaliar o estado das masas de auga dentro da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa. O acordo rexerá ata o 31 de decembro deste ano, aínda que poderá prorrogarse por ata catro anos máis.

A orixe deste convenio, o cuarto que asinan ambos departamentos desde o ano 2011, foi a necesidade de ampliar as actividades de control da calidade das augas naturais a raíz da entrada en vigor da Directiva Marco da Auga aprobada polo Parlamento europeo e pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas.

O contido da colaboración entre ambos departamentos consiste na realización de traballos de mostraxe e análise na matriz auga dunha serie de elementos que permiten sacar conclusións sobre a calidade da mesma, así como a aplicación dos índices de valoración necesarios para avaliar o estado das masas de auga. Así mesmo, os traballos inclúen a toma de mostra de sedimento en augas costeiras e de transición a realizar unha vez durante a duración dos traballos.

Deste xeito, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez a través do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia (LMAG) asume o compromiso de realizar a toma de mostras en augas superficiais continentais, augas costeiras e augas de transición, así como de encargarse do seu transporte e custodia ata as instalacións do laboratorio, onde se desenvolverán as actividades correspondentes para a súa análise ou entrega -no caso das mostras de sedimento en augas costeiras e de transición- a quen corresponda facelo.

Así mesmo, o LMAG manterá puntualmente informada ao organismo competente en materia de augas da marcha dos traballos, entregaralle os resultados cunha periodicidade que nunca será superior aos dous meses desde a data de execución e facilitaralle todos os datos e a información que lle soliciten ao respecto.

Pola súa parte, Augas de Galicia, entidade pública adscrita á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e responsable da xestión da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, encargarase de exercer a dirección técnica do desenvolvemento das accións que son obxecto do convenio e comprométese a compensar á Consellería de Medio Ambiente por unha parte dos gastos nos que incorra para a realización dos traballos acordados. Deste xeito, Augas asumirá un custo de ata 531.997,5 euros mentres que o LMA farase cargo doutros 653.717 euros polo que, tal e como se recolle no convenio, ambas consellerías comprométense a mobilizar en total preto de 1,2 millóns de euros para garantir a execución do seu obxecto.

Puntos de mostraxe

Concretamente, no marco do acordo asinado hoxe serán recollidas mostras (cunha periodicidade mensual, trimestral ou anual en función dos puntos de mostraxe) nun total de 210 puntos de ríos, 19 puntos en embalses, 47 puntos en augas de transición e 42 puntos de augas costeiras.

As mostras serán estudadas para poder valorar o estado químico e biolóxico das masas de auga da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa mediante a realización de análises físico-químicas, biolóxicas e morfolóxicas. Así mesmo, nas mostraxes realizadas en augas superficiais continentais levarase un rexistro das Especies Exóticas Invasoras presentes na área de mostraxe.

Este acordo de colaboración entre as consellerías de Medio Ambiente e Infraestruturas é posible grazas á capacidade analítica do Laboratorio de Medio Ambiente, un centro de referencia en materia medioambiental en España e en Europa. De feito, estas instalacións cumpren con todos os requisitos de calidade técnica que esixe a lexislación en materia de augas naturais e contan co equipamento e o persoal cualificado necesarios para executar as análises químicas e biolóxicas que esixe a Directiva Marco da Auga para a valoración do estado químico e biolóxico das augas naturais continentais, costeiras e de transición.

Este convenio é tamén un exemplo do interese da Xunta de Galicia en conseguir un alto nivel de eficacia na utilización de todos os recursos dispoñibles nos distintos departamentos para garantir a execución das súas competencias e a protección da poboación.