Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta destaca as xestións ante a Comisión Europea para impulsar as infraestruturas de abastecemento e uso eficiente da auga no próximo período dos fondos comunitarios

Ethel Vázquez sinala que deste xeito as obras para garantir o abastecemento de Vigo e da zona sur da provincia poderían optar ao financiamento europeo

Fai fincapé en que pese a que a concesionaria recada ao ano 27 millóns de euros de todos os vigueses e leva recadado 200 millóns de euros en 9 anos, a realidade é que se sigue sen investir un só euro no tratamento da auga

Apela á importancia de que os concellos se doten de Plans de emerxencia para afrontar posibles situacións de seca, e de que conten co apoio das deputacións provinciais, como é o seu cometido

Lembra que nos últimos anos a Xunta acometeu 300 actuacións en 186 concellos, avanzando na garantía de subministro en cantidade e calidade

Sinala que a Xunta dispón de ferramentas de planificación, xestión e ordenación dos recursos hídricos, como o Plan Hidrolóxico da Demarcación Galicia-Costa e o Plan de Seca

Anuncia que este mesmo ano presentará para a súa aprobación no Parlamento de Galicia a Lei de Medidas de Garantía de Abastecemento

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2019.- A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe no Parlamento de Galicia as xestións realizadas este luns ante a Comisión Europea, na que a Xunta trasladoulle aos responsables comunitarios a necesidade de que o impulso de infraestruturas sostibles para o uso eficiente da auga e a adaptación ao cambio climático sexa unha prioridade estratéxica no próximo período operativo dos fondos europeos FEDER.

Na súa intervención esta tarde no Parlamento de Galicia sinalou que, deste xeito, abriríase a posibilidade de que as obras destinadas a garantir o abastecemento, como é o caso de Vigo e da zona sur da provincia, poidan optar a fondos comunitarios.

A conselleira, que incidiu na preocupación da Xunta de que os cidadáns de Vigo, e de toda Galicia, teñan auga potable garantida, salientou que o Goberno galego está a actuar neste tema con previsión e responsabilidade, de aí o interese amosado por tratar este asunto cos responsables da UE.

Apuntou que a pesar de que o abastecemento de auga é competencia municipal, neste caso concreto responsabilidade do Concello de Vigo, o Goberno ten ofrecido a súa colaboración para buscar solucións estruturais que permitan garantir a auga a Vigo e á súa área a longo prazo.

Lembrou que o pasado mes de outubro Xunta, Concello e Ministerio de Transición Ecolóxica acordaron estudar conxuntamente a mellor solución e plasmar ese acordo nun convenio de colaboración. E explicou que a falta de avances, unida á urxencia de acadar canto antes unha solución conxunta que garanta o abastecemento de auga a Vigo, motivou a decisión da Xunta de axilizar os traballos e a aprobación dese convenio.

Mostrou a súa desconformidade coa utilización por parte do alcalde de Vigo dun asunto capital, como é a garantía de abastecemento aos veciños, nun arma contra a Xunta, cando o Goberno galego o único que fixo é tratar de axilizar un convenio que estaba paralizado.

Vázquez Mourelle criticou tamén que o Concello de Vigo asinase o citado convenio sen recoller o crédito axeitado para poder desenvolvelo, algo que tachou de gravísimo. E cualificou de irresponsable a actitude de Concello de Vigo por, segundo abundou, non ter feito nada por solucionar, a curto prazo, os problemas de abastecemento da cidade.

A conselleira referiu que o Concello coñece desde hai anos os gravísimos problemas da súa potabilizadora e non fixo nada por arranxalos. E dixo que tamén sabe que a Estación de Tratamento de Auga Potable do Casal ten problemas de capacidade a futuro, polo que é necesario actuar sobre ela.

Amosou así no Parlamento o documento no que se detalla as infraestruturas necesarias para solucionar os problemas de abastecemento da cidade, e puxo en evidencia a falta de investimentos por parte do Concello de Vigo.

Aquí fixo fincapé en que pese a que a concesionaria recada ao ano 27 millóns de euros de todos os vigueses e leva recadado 200 millóns de euros en 9 anos, a realidade e que se sigue sen investir un só euro no tratamento da auga. Polo que, subliñou, é urxente que o concello e concesionaria actúen de inmediato na mellora da ETAP.

Ethel Vázquez defendeu esta tarde no Parlamento a importancia da xestión dos recursos hídricos, materia que, tal e como dixo, é prioritaria para o Goberno galego, máis no contexto de cambio climático que nos últimos anos ten variado e mudado o réxime de precipitacións en Galicia.

Apelou á importancia de que os concellos se doten de Plans de emerxencia para afrontar posibles situacións de seca, contando co apoio das deputacións provinciais, porque este é o seu cometido: dar asistencia aos concellos. E tamén se referiu á necesidade de que os concellos adopten as medidas oportunas e que actúen na rede municipal de abastecemento para solucionar os problemas de perdas que poidan existir.

Destacou que desde o Goberno galego se vén prestando apoio ás administracións locais, colaborando e axudándoas no desenvolvemento das súas competencias. E lembrou que desde o ano 2009 a Xunta acometeu 300 actuacións en materia de abastecemento que beneficiaron a 186 concellos, avanzando na garantía de subministro de auga en cantidade e calidade.

Ethel Vázquez indicou que a Xunta de Galicia dispón de ferramentas propias de planificación, xestión e ordenación dos recursos hídricos. Citou o Plan Hidrolóxico da Demarcación Galicia-Costa que define as actuacións para acadar o bo estado das masas e auga, e o Plan de Seca, como instrumento máis específico que permite a avaliación e seguimento para a adopción das medidas precisas para minimizar os seus efectos.

Destacou o traballo que se está a realizar desde Augas de Galicia para traer este mesmo ano ao Parlamento para a súa aprobación a Lei de Medidas de Garantía de abastecemento, co fin de crear as ferramentas para garantir a auga en calidade e cantidade necesaria no novo contexto de cambio climático, tal e como xa foi explicado esta maña no marco da reunión do Consello Reitor de Augas de Galicia.

A conselleira tamén esbozou os dous seus aspectos máis importantes. Dun lado, a Lei incide na necesidade de que as Administracións locais se doten de instrumentos adecuados para xestionar episodios de seca con dilixencia e eficacia, e para que os concellos conten con plans de emerxencia ante a seca.

E doutro, engadiu, a Lei incide na necesidade de que as deputacións exerzan a súa responsabilidade de apoio aos concellos, sobre todo aos máis pequenos, na elaboración dos seus Plans de emerxencia, ou no financiamento das actuacións para garantir o abastecemento de auga potable á poboación.