Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza nos ríos Esparille, Ameneiral e Pego, ao seu paso polos concellos de Ames e Brión

Augas de Galicia leva a cabo estes traballos nos treitos interurbanos destes tres ríos, en Bertamiráns e Os Ánxeles

As obras consisten na retirada de árbores e pólas caídas sobre a canle e as marxes do río, así como da madeira morta existente

As actuacións enmárcanse no mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial de Galicia Norte

As intervencións teñen como obxectivo a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executa actuacións de limpeza e conservación nos ríos Esparille e Ameneiral, no Concello de Ames, e no río Pego, ao seu paso polo municipio de Brión.

No Concello de Ames a actuación no río Esparille estenderanse ao longo de 1,1 quilómetros, ao seu paso pola parroquia de Ortoño (San Xoán), en Bertamiráns. Tamén nesta mesma parroquia se executarán traballos de conservación e mantemento no río Ameneiral, nun treito de máis de 1,8 quilómetros.

A intervención no Concello de Brión realízase nun tramo interurbano de case 800 metros do río Pego, na parroquia dos Ánxeles.

Estes traballos de mantemento lévanse a cabo nos treitos interurbanos destes ríos e centraranse no desbroce de maleza das marxes e que invade o leito, na retirada das árbores e pólas caídas e da madeira morta existente. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia- Costa, no ámbito territorial da zona Galicia Norte e as súas zonas de acceso e protección.

Mediante este tipo de traballos, a Xunta ten como obxectivo a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.