Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta licita as obras de mellora do saneamento nas parroquias de Sendelle e Ameixeira, no Concello de Crecente, por un investimento de máis de 523.000 euros

As empresas interesadas na realización destas actuacións, cun prazo de execución duns 6 meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 29 de abril

O obxectivo deste proxecto é dotar estes núcleos dunha nova rede de colectores, pois actualmente non dispoñen da rede de saneamento axeitada

En Ameixeira executarase unha nova rede de saneamento que conducirá as augas residuais á estación depuradora da Cañiza

A rede estará formada por un colector principal, con tres derivacións e un colector secundario independente do anterior

En Sendelle construirase un colector principal e reconstruirase un tramo de rede de augas pluviais, así como 6 conexións á rede de saneamento de augas residuais

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe na Plataforma de Contratación de Galicia a licitación das obras de mellora do sistema de saneamento nas parroquias de Sendelle e Ameixeira, no Concello de Crecente, por un investimento de máis de 523.000 euros.

As empresas interesadas na realización destas actuacións, cun prazo de execución duns 6 meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 29 de abril.

Na actualidade, as parroquias mencionadas non dispoñen de rede de saneamento axeitado, polo que o obxecto deste proxecto é executar unha nova rede de colectores.

Na parroquia de Ameixeira disporase unha nova rede de saneamento que conducirá as augas residuais á estación depuradora da Cañiza. A rede estará formada por un colector principal, con tres derivacións e un colector secundario independente do anterior.

A tubaxe terá unha lonxitude total de 1646 metros. Instalarase tamén un grupo de bombeo coa súa correspondente tubaxe de impulsión, que conducirá o efluente ata o pozo de entrada da depuradora.

Na parroquia de Sendelle construirase un colector principal en tubaxe e cunha lonxitude total de 724 metros. Reconstruiranse 102 metros dun tramo de rede de augas pluviais afectado pola construción do colector principal, así como 6 conexións á rede de saneamento de augas residuais.

Tamén se completará a rede con tres cámaras de descarga prefabricadas de formigón armado con depósito basculante interior de 150 l de capacidade, con tapa e rexistro, para aporte de caudal.