Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta somete a información pública o proxecto de decreto de Augas de Galicia que facilita a execución de obras menores no dominio público hidráulico

Simplificarase a execución de actuacións como pintado, impermeabilización de fachadas, cambio de fiestras ou retellado

Estímase que preto de 500 solicitantes poderán beneficiarse cada ano desta simplificación administrativa

Os interesados dispoñen de prazo ata o 4 de abril para presentar as súas suxestións a través do Portal de Transparencia da Administración autonómica
 

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2019.- A Xunta de Galicia vén de iniciar o procedemento de información pública do Proxecto de decreto de Augas de Galicia que pretende facilitar a execución de obras menores de conservación e mantemento no ámbito de dominio público hidráulico.

Esta nova disposición normativa amplía o catálogo de actuacións que se poden acometer tan só presentando unha declaración responsable ante a Administración hidráulica e sen necesidade de contar cunha autorización específica.

Desa forma será moito máis sinxelo e rápido executar actuacións de pintado, impermeabilización de fachadas, cambio de fiestras ou retellado. Estímase que preto de 500 solicitantes poderán beneficarse cada ano desta nova simplificación administrativa.

Os interesados neste proxecto de decreto dispoñen de prazo ata o 4 de abril para presentar as súas suxestións a través do Portal de Transparencia da Administración autonómica, onde o texto se pode consultar a través do seguinte enlace:
https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions/-/nt/0373/proxecto-decreto-polo-que-modifican-determinadas-disposicions-vixentes-materia


A través do novo decreto, pasarán a ser susceptibles de execución coa presentación dunha declaración responsable:

• As seguintes actuacións menores de mantemento e conservación do dominio público hidráulico, sempre que se executen fóra de zonas incluídas no rexistro de zonas protexidas da demarcación hidrográfica Galicia Costa:

o Retirada de árbores mortas e podas de árbores que impidan accesos á canle ou á súa servidume de paso, sempre que non impliquen perda do substrato arbóreo da ribeira.
o Retirada de árbores mortas e podas de árbores que reduzan a capacidade da canle.
o Retirada de elementos arrastrados pola corrente que obstrúan a canle e especialmente nas obras de paso sobre ela, ou que constitúan un elemento de degradación ou contaminación do dominio público hidráulico.
o Mantemento das seccións de medición de caudais das redes oficiais de estacións de medición.

• As seguintes actuacións menores de mantemento e conservación no dominio público hidráulico e na súa zona de policía:
o En infraestruturas: o bacheo de pistas forestais con saburra e a renovación de capas de rodadura de estradas en zonas de dominio público hidráulico, zonas de servidume e policía.
o En edificacións e vivendas, as consistentes en pintado de, revestimento e impermeabilización de fachadas, cambio de fiestras ou substitución de tellados e outras actuacións de similares características que en ningún caso impliquen ampliación do volume.
o Os seguintes tipos de peches: pastor eléctrico para gardar animais e permeables de malla ou similares e cunha distancia mínima entre postes de 3 m.

A execución desas actuacións requirirá a presentación previa, cunha antelación mínima de 20 días, dunha declaración responsable pola que o seu promotor declare, baixo a súa responsabilidade, que cumpre os requisitos establecidos na normativa vixente, que dispón da documentación que así o acredita, que a porá a disposición da Administración cando lle sexa requirida e que se compromete a manter o cumprimento das anteriores obrigas durante a execución das actuacións.