Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta lembra que o concello de Vigo ten a responsabilidade de limpar e conservar o treito urbano do río Lagares

O Goberno galego reitera o que xa lle trasladou á Administración local o pasado mes de novembro de acordo co Plan Hidrolóxico Nacional e a xurisprudencia creada ao respecto

É obriga das administracións locais actuar nos treitos urbanos e en todas as infraestruturas das marxes que sexan da súa titularidade

Augas de Galicia puxo á disposición dos Concellos un visor xeográfico que permite delimitar os treitos urbanos dos ríos para facilitarlles aos municipios o correcto exercicio das súas competencias

A Xunta asume a conservación de case 15.000 quilómetros de treitos interurbanos dos ríos, agás nos treitos urbanos que suman ao redor de 300 quilómetros
 

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2019.- A Xunta lembra que o Concello de Vigo ten a responsabilidade de limpar e manter en bo estado de conservación o treito urbano do río Lagares. Así llo trasladou xa o pasado mes de novembro o Goberno galego á administración local, de acordo co establecido no Plan Hidrolóxico Nacional e na xurisprudencia creada ao respecto.

Esa normativa fixa como unha responsabilidade dos concellos actuar nos treitos urbanos dos ríos, así como en todas as infraestruturas das marxes que sexan da súa titularidade.

Coa fin de facilitar o correcto exercicio destas competencias por parte das entidades locais, o Goberno galego puxo á disposición dos concellos o pasado mes de xaneiro unha ferramenta que, a través do visor xeográfico de Augas de Galicia, permite delimitar os treitos urbanos cuxo mantemento deben asumir.

Ademais publicou no Diario Oficial de Galicia unha instrución que establece o procedemento para a limpeza e conservación dos case 15.000 quilómetros de ríos existentes na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa. A responsabilidade municipal se limita á limpeza e conservación dos treitos urbanos, que suman, en total, 300 quilómetros.

Esas instrucións poden consultarse no seguinte enlace: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190118/AnuncioO143-080119-0001_es.html

 Polo tanto, o Concello de Vigo ten o deber de contribuír a mellorar o estado de conservación do río Lagares cun exercicio eficaz e responsable das súas competencias municipais e acometendo as correspondentes labores de limpeza do tramo urbano do río.

A Xunta subliña, ademais, que a bacía do río Lagares é de ámbito supramunipal, polo que a cesión da súa xestión ao Concello racharía co principio de unidade de bacía. Este principio é un dos piares máis básicos e importantes na lexislación de augas e é contraria nos só á Lei autonómica e Estatal de Augas, senón tamén á normativa europea e sobre a que se asenta a Directiva Marco da Auga.

O Goberno galego lembra que a xestión dunha bacía supón non só encargarse da limpeza do río, senón tamén do outorgamento de concesións ou autorizacións para o uso do dominio público hidráulico, o control de verteduras, así como a necesaria planificación hidrolóxica, control de calidade e caudais, entre outras.